Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Unha mostra con fondos de Luz Pozo conmemora no Gaiás o seu centenario

A exposición, que inclúe material persoal doado pola escritora ao Arquivo de Galicia, poderá visitarse ata o vindeiro outubro

O director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, inaugurou este xoves no Gaiás, no Día Internacional dos Arquivos, a exposición Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida, unha das actividades principais coas que o Goberno autonómico celebra o centenario do nacemento dunha das poetas galegas máis destacadas do século XX.

A mostra, que poderá visitarse no vestíbulo do Arquivo e Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o 17 de outubro, pretende difundir o legado deixado por Luz Pozo Garza, unha muller polifacética que foi a primeira galega en ser proposta para un Premio Nobel, membro da Real Academia Galega, promotora e directora de revistas literarias e profesora de Lingua e Literatura española no ensino secundario.

Comisariada por Olivia Rodríguez, profesora titular da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, a exposición reúne ao redor de 100 pezas, procedentes fundamentalmente do fondo documental e bibliográfico doado pola poeta en 2016 ao Arquivo e Biblioteca de Galicia.

Na súa intervención, Anxo Lorenzo fixo fincapé neste feito, salientando “o gran privilexio que supón que unha poeta tan recoñecida como Luz Pozo Garza decidira en vida que o seu rico arquivo e biblioteca quedara custodiada polo Goberno autonómico, permitíndonos mostrar o seu legado ao público, como facemos organizando esta mostra coa que celebramos, ademais do centenario do seu nacemento, o Día Internacional dos Arquivos”.

O discurso expositivo de Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida discorre ao longo de dez vitrinas onde se amosan documentos con paneis onde se recollen poemas e unha narración cronolóxica para contextualizar a traxectoria vital e artística da autora.

A mostra reúne ao redor de 100 pezas entre documentos, libros, revistas, colaxes ou debuxos, que se completan con outros recursos audiovisuais.

Entre as pezas atópanse as cartas persoais de figuras destacadas da literatura española e galega como Vicente Aleixandre e Ramón Otero Pedrayo, ou os borradores orixinais das súas creacións.

Ao fondo documental do Arquivo e Biblioteca de Galicia, doado por Luz Pozo Garza, hai que sumar nesta exposición as procedentes doutras persoas particulares e de institucións públicas e privadas como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou a Fundación Manuel María, entre outras.

No acto tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e estiveron acompañados pola subdirectora xeral de Arquivos e Museos, Mª Carmen Calviño; Olivia Rodríguez, comisaria da exposición, e Gonzalo Vázquez, en representación da familia de Luz Pozo.

Semana Internacional dos Arquivos. Cada 9 de xuño celébrase en todo o mundo o Día Internacional dos Arquivos para conmemorar a creación do Consello Internacional de Arquivos. Esta organización non gobernamental, fundada baixo os auspicios da Unesco, promove a conservación e uso dos arquivos en todo o mundo.

Con motivo desta celebración, a Xunta, ademais de inaugurar a exposición no Arquivo de Galicia, organiza nesta semana unha programación con máis dunha decena de actividades nas sedes do Arquivo do Reino de Galicia, o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense e o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.

O Arquivo de Galicia organiza o 21 de xuño, no Auditorio Neira Vilas, no Gaiás, unha xornada que afonda na figura de Luz Pozo cunha conferencia a cargo de Xesús Alonso Montero, catedrático de Literatura Galega, e unha mesa redonda na que participan Olivia Rodríguez, profesora de Filoloxía; Xosé María Álvarez Cáccamo, escritor, e Claudio Rodríguez Fer, poeta.

A asistencia é de balde, previa inscrición na web cidadedacultura.gal.

10 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.