Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha mostra expón a polifacética creación de Xela Arias no Gaiás

A través de máis de cincuenta documentos e seis paneis explicativos, percorre a traxectoria persoal e profesional da autora homenaxeada no Día das Letras

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou onte na Biblioteca de Galicia a exposición bibliográfica conmemorativa das Letras Galegas, dedicada este ano a Xela Arias e que poderá visitarse ata finais de agosto.

A través de algo máis de 50 documentos procedentes dos fondos propios do centro bibliotecario e dun conxunto de paneis explicativos, a mostra fai un percorrido polas diferentes facetas da traxectoria persoal e profesional da autora homenaxeada.

Na súa intervención, Lorenzo referiuse á poeta, tradutora, editora e mestra Xela Arias como “unha das voces máis persoais da literatura galega contemporánea”.

E convidou a achegarse a esta figura a través da exposición, na que o visitante terá a oportunidade de coñecer “as primeiras letras de Xeliña, os seus primeiros poemas publicados en innovadoras revistas que reflectían a modernidade da movida viguesa, ou os seus primeiros traballos de tradución, nuns anos determinados pola necesidade de creación dun espazo para o libro galego no mercado editorial”.

Entre as máis de 50 pezas expostas poderán verse todos os libros de poesía escritos por Xela Arias, así como o seu primeiro conto, A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia, ou o relato Xeliña fala galego, publicado polo seu pai, Valentín Arias, no Programa de festas de San Xoan de Sarria de 1968, informa Efe.

Tamén forman parte da mostra algúns dos poemas da autora publicados nas rompedoras revistas e fanzines que se editaron na década dos 80, como Carel, Katarsis ou Dorna. Ademais, estarán presentes os traballos como tradutora e correctora, como Amor de perdición, de Castelo Branco, polo que Xela Arias recibiu en 1987 o premio de tradución da Sociedade da Lingua Portuguesa.

Canto á colaboración de Xela con outros artistas do momento, como o grupo de música Desertores, mostrarase no vinilo El desertor, e o seu traballo en Xerais, con documentos como o boletín Novidades Xerais, do que foi coordinadora nos primeiros números, ou con exemplares das coleccións Xabarín, Xerais Universitaria e Biblioteca das Letras Galegas, nas que estivo directamente implicada.

Información biográfica. Como complemento ás pezas expostas, os paneis, ilustrados por Rebeca Varela, integran información da biografía da autora co seu progresivo achegamento ao mundo artístico e cultural do seu tempo.

Con textos que vinculan os seus principais traballos á contorna persoal e social, percórrese a súa infancia, na que xa comezou a escribir, a mocidade durante a coñecida como “movida viguesa”, o seu traballo en Edicións Xerais, o seu papel na revalorización da lingua galega e a súa incorporación ao ensino.

14 may 2021 / 17:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.