Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha posta especial: un ovo como símbolo da paz e da liberdade

Da man de Triqueta Verde Editora, selo vigués independente que desde o ano 2010 vén dando a lume producións dirixidas aos máis novos en diferentes linguas, Paula Carballeira Cabana (Fene, 1972) publicou no fatídico ano da COVID 19 un álbum que educa para a paz e na importancia da liberdade: Un fermoso ovo branco (2020).

A escritora ferrolá, abondo coñecida como contadora de historias, iniciou o seu labor creativo na LIX galega no ano 1996 coa obra Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima á que lle seguiron xa a comezos do século XXI outros textos pertencentes a diferentes xéneros, moitos deles inspirados na literatura de transmisión oral e caracterizados pola presenza do humor, e do absurdo, e tamén por desmontar tópicos e estereotipos establecidos; textos innovadores en moitas ocasións que rexeitan condutas sexistas, violentas etc.

En Un fermoso ovo branco Carballeira sitúa a acción nun tempo e lugar indeterminados no que o silencio polo feito de non escoitar os avións, os bombardeos e os proxectís, así como pola presenza dos soldados, se converte en medo para os protagonistas. Para suplir este os personaxes sairán á rúa e farán rebumbio, música etc., mais será un acto cotiá, mesmo insignificante noutro contexto, como é a posta dunha galiña, o feito que logre vencer ese medo. Grazas a ese ovo branco que a protagonista se afana en poñer ante diferentes olladas a alegría e a paz volverá a esas persoas, que poderían pertencer a calquera lugar, se ben nomes como Fadia e Ahmed nos remiten a territorios de lingua árabe.

Este texto, que destaca polo humor de determinadas escenas, por facer visible a valentía da rapazada ante as adversidades ou pola inutilidade das autoridades en determinados momentos, acompáñase das ilustracións de Miguel Cerro, un dos 20 ilustradores seleccionados a nivel mundial para a exposición iraní Peace Should be learned in Childhood (2019). Trátase de imaxes figurativas cuxos rostros amosan de maneira atinada as diferentes emocións e nas que destaca o branco da galiña, do seu ovo e da bandeira coa que o álbum remata.

Un fermoso ovo branco, álbum seleccionado na listaxe dos 100 libros recomendados polos Premios Fundación Cuatrogatos 2021 (escollidos entre máis de 1.500 libros de 170 editoriais e de 20 países) é, sen dúbida, un texto a ter un lugar destacado nos andeis das bibliotecas escolares de Primaria para conmemorar o Día da Paz, mais tamén para celebrar esta no día a día.

marta.neira@usc.es

21 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.