Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Unicorn wars’ e ‘Os demonios do meu avô’, na cita de Annecy

Ambas longametraxes contan co apoio do Goberno autonómico e representarán a España esta semana no Festival de Animación

O audiovisual con selo galego desembarca esta semana no festival internacional de animación da localidade francesa de Annecy con dúas longametraxes producidas con subvención da Xunta de Galicia, Unicorn Wars e Os demónios do meu avô, que son ademais os únicos filmes españoles a concurso na 46ª edición deste prestixioso certame audiovisual.

Con motivo destas importantes seleccións, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades colabora co Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovsiuais (ICAA) na organización dun evento promocional arredor destas dúas fitas, que terá lugar o vindeiro xoves 16.

En ambos casos, teñen tamén á súa disposición as axudas anuais para a difusión e comercialización do noso audiovisual en eventos e mercados profesionais fóra de Galicia, que o Goberno galego convocará proximamente para cofinanciar os gastos derivados da presenza do noso audiovisual en destacadas citas do circuíto internacional.

O premiado realizador e ilustrador coruñés Alberto Vázquez é o director de Unicorn Wars, título co que logrou unha das dez prazas na Selección Oficial de Annecy, onde terá a súa estrea mundial este xoves.

A compañía galega Abano Films resultou adxudicataria dunha axuda da Xunta de Galicia de preto de 260.000 euros a través da convocatoria de 2020 para levar a cabo esta coprodución xunto coa vasca Uniko Estudio Creativo e as francesas Autour de Minuit, Schmuby e Panique!.

A súa estrea comercial nas salas comerciais de todo o Estado está prevista para o vindeiro mes de outubro.

Con ela, Alberto Vázquez consolídase como un dos grandes nomes da animación española e internacional, despois dos éxitos obtidos con Psiconautas, filme co que gañou o Goya á mellor longametraxe de animación, e coas súas aclamadas curtametraxes Birdboy, Decorado ou Homeless Home, esta última galardoada hai dous anos en Annecy co premio especial outorgado polo xurado.

Neste mesmo certame estivo tamén o ano pasado para participar no Feature Work in Progress cun avance da longa que estrea esta semana e que, xa entón, espertou unha gran expectación.

A trama de Unicorn Wars leva a unha nova dimensión o prolongado enfrontamento entre as coñecidas personaxes de Alberto Vázquez, os Osos de Peluche e os Unicornious, no universo de fantasía que se avanzaba en Decorado.

Pola súa banda, o produtor galego Xosé Zapata, recente gañador do Goya á mellor curta de animación con The Monkey, é un dos responsables de Os demónios do meu avô, que se estrea este venres, día 17 de xuño, dentro da competición internacional Contrechamp de Annecy.

O cineasta luso Nuno Beato dirixe esta coprodución de Caretos Films, subvencionada con máis de 250.000 euros por parte da Xunta e na que tamén participan Sardinha em Lata (Portugal) e Marmitafilms (Francia).

Dotado dun importante compoñente fantástico, este traballo conxuga técnicas en 2D e 3D para narrar o regreso dunha muller nova á aldea do seu avó, xa falecido, co principal obxectivo de intentar emendar os erros que este cometera en vida.

No catálogo Films fron Galicia. Ambas longametraxes integran, ademais, a edición deste ano do catálogo Films from Galicia, que a Axencia Galega das Industrias Culturais publica cada exercicio para contribuír á promoción internacional da máis recente produción galega, tanto para cinema como para televisión, así como para poder poñer en valor a súa calidade artística e técnica.

13 jun 2022 / 16:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.