Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Utopía versus distopía ou unha metáfora doutro mundo posible

Conta nove estrelas (Xerais, col. Merlín, 2019), Premio Lazarillo 2018 de Creación Literaria, é unha excelente achega de Andrea Maceiras, autora da xeración Google que xa conta no seu haber cun bo número de interesantes títulos. A obra pertence ao xénero da ciencia ficción, que actualmente coñece un boom entre o lectorado infanto-xuvenil, caracterizado pola forte crítica social e política e o seu potencial reflexivo respecto das nosas sociedades, ao que lle hai que sumar neste caso o compoñente feminista ao forxar a escritora coruñesa unha heroína que encabeza a rebelión sen que ningún mozo “heroico” a defenda ou a represente.

Así, Quepi, habitante do utópico planeta Dot, dotada dunha enerxía e forza espiritual extraordinarias, vive en harmonía co seu avó e o seu irmán nese pequeno paraíso tranquilo que é o planeta Dot, -lagos rodeados de rusgalias de cor turquesa, dobre solpor arredor dos soles de Bram e Sibi, fermosas bandadas de didáns, bosques frondosos de noz-figueira-, pero todo muda o día en que Quepi cae por accidente nas augas velenosas do lago de Nur ás que se lanza o avó para salvala. Unha vida a cambio doutra. Antes de morrer, este cóntalle o misterio da súa chegada a Dot ao tempo que lle entrega un medallón que contén as imaxes dunha paisaxe máis aló da constelación de Coriandre, o límite coñecido. Chegar a ese lugar convértese entón no seu obxectivo, así acompañados por azar por un dos últimos exemplares dos perseguidísimos e prohibidos estraños animais chamados dodós, cuxa saliva corroe todo o que toca, ambos irmáns emprenden a viaxe, mais aterran por erro no deshumanizado planeta Pasanut do que logran escapar pilotando unha nave que os levará máis aló de Coriandre, ao país da Estrela Dormente, ao que a moza pertence.

Se Pasanut representa a distopía ou a antiutopía pola intensa carga de desastre ambiental, industrialización, ética inexistente, estado avanzado de colapso e infelicidade, totalitarismo, illamento, control rigoroso, ríxidas regras sociais e tecnoloxía científica perversa; Dot e Estrela Sormente son a utopía, sociedades ideais onde reina a felicidade, a paz e a xustiza. Este xogo utópico-distópico de mundos irreais contribúe a forxar no lectorado en construción unha rebeldía necesaria, pois, ao comprender mellor o mundo en que viven compararando o estado ideal co real, toman conta dos valores de benestar e liberdade dun modo sutil, pero eficaz alentando un hálito de esperanza sempre necesaria, xa que por moi inxusto e desolador que sexa o noso propio mundo, sempre é posible construír un mellor.

palabrasdepan@gmail.com

07 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito