Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Vaia troula’ trae unha escolma de celebracións por Galicia

O percorrido amosará como transcorreron os festexos da Lamprea Seca, a Mexicana, a Maruxaina, a do Mexillón, entre outras

Este domingo á noite chega á Televisión de Galicia unha nova edición do festeiro Vaia troula. Nesta ocasión, a presentadora Noelia Rey viaxará aos concellos de Arbo e Avión para gozar da Festa da Lamprea Seca e a Festa Mexicana. E as reporteiras, coma sempre, estarán nas mellores celebracións da fin de semana. Hoxe, o Vaia troula ofrecerá unha grande escolma de celebracións nunha das fins de semana de máis actividade trouleira do ano.

Pola súa banda, a reporteira Belén Vara irá ao Desfile de Bandas Mariñeiras da Guarda. Trátase dun dos puntos fortes das súas famosas e multitudinarias Festas do Monte.

Adela Bértolo estará na Festa do Mexillón de Aguiño, en Ribeira, onde haberá centos de quilos do delicioso molusco e tamén música tradicional.

E Alba Lea viaxará a Cervo para ser unha máis na espectacular Festa da Maruxaina, celebración chea de música e cor, en que a protagonista é unha serea que vai ser xulgada polos veciños. O programa tamén dará boa mostra das festas de Escairón, no Saviñao, da exaltación dos ovos con chourizo de Nigrán e da Festa do Polbo do Carballiño. O menú trouleiro desta edición complétase coas festas de Santa María de Vigo, en Cambre, o divertido ‘Aquí cántase’ de Pontevedra e a Festa do Mexillón de Chapela, en Redondela.

E para que non falte de nada, ‘Vaia troula’ ofrecerá a actuación da orquestra Cinema.

COMISIÓN DE FESTAS. O programa ‘Comisión de festas’ achégase esta semana ao concello de Moraña, que acolle ano tras ano as festas celebradas na honra de Santa Xusta, a patroa da localidade. A comisión está formada por un grupo heteroxéneo, moi divertido e atrevido. Este fatado de festeiros foron dos poucos que celebraron a festa o ano pasado cumprindo todas as normativas da pandemia.

Tras o éxito que tiveron, este ano volven as tradicións de sempre: festas de xuventude, plantación de millo e o rito dos allos. O éxito destas festas está asegurado.

Ademáis, nun novo capítulo de ‘Saudade de ti’, Adela non só sabe como manipular a xente, tamén os medios, e non dubida en declarar no telexornal para forzar a dimisión de Abel. Cando Celia o ve xa non dubida das intencións de Raúl cando lle preguntou pola escordadura da súa nai. Se Adela se decata de que Celia rompeu o segredo profesional, a médica podería verse metida nunha boa. A súa carreira profesional está en xogo.

Raúl trata de que a súa nai se bote para atrás e retire as falsas declaracións contra Abel, aínda que elas xa teñen claro a quen prefiren como nova portavoz dos transportistas. O que non esperan é que Raúl e Gaspar tamén coñecen as normas deste xogo e avogan en segredo polo seu propio candidato.

Brais e Noa tratan de contactar cos compañeiros de universidade da súa nai que sospeitan que poden ser o pai da rapaza. Soamente quedan tres na lista dos candidatos e Noa está decidida a plantarse coa súa nai para descubrir a verdade.

En Casa Eiroa comezan cos pedidos a domicilio, e a Elba non lle chista moito o que o seu pai ten preparado para ela. Teresa tamén ten dabondo: Celia non quere que siga tomando as pastillas, e Lucho vai pedir explicacións sobre por que lle cortou a luz e a auga.

Os López de Castro non poden deixar a Celia vivir tranquila. Por se fose pouco, Gaspar trata de convencela de que o que tiña coa súa nai era algo máis que unha aventura. E farao a través de Santi, pedíndolle que lle transmita a doutora unha misteriosa mensaxe. Gaspar sabe moito máis do que parece.

14 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.