Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vangarda nas Residencias Artísticas do Gaiás con 25 novos proxectos culturais

As novidades do programa desta edición consolidan o papel da Cidade da Cultura como espazo fundamental para a creación

A Xunta deu a coñecer onte o programa de Residencias Artísticas do Gaiás deste ano (REGA 22) que se desenvolverá na Cidade da Cultura co obxectivo de apoiar o talento e dar visibilidade á creación contemporánea, tanto galega como internacional.

A través das REGA, o Goberno galego dá continuidade e amplía a liña de traballo iniciada en 2021 para consolidar o Gaiás como rótula do ecosistema cultural galego e impulsar dentro do sector procesos de investigación, innovación e formación, en liña cos obxectivos do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, subliñou o carácter diverso e inclusivo do programa REGA 22, que este ano estende o seu rango de actuacións coa incorporación da creación dixital e os videoxogos e cunha nova convocatoria de bolsas para artistas residentes para o segundo semestre do ano.

Con estas novidades, o representante da Consellería de Cultura avanzou que REGA favorecerá “o xermolo e crecemento desde o Gaiás de 25 novas propostas de vangarda que abranguen múltiples disciplinas artísticas, desde a danza e as artes escénicas, ata a música, a literatura, as artes plásticas ou audiovisuais e o multimedia”.

A presentación do programa contou tamén coa presenza da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e de representantes das asociacións e institucións que colaboran nesta edición: o Centro Dramático Galego, o colectivo RPM, a asociación cultural AÏS e o Festival RESIS de Música Contemporánea, a Universidade de Vigo e o escritor e Javier Peña, director da Residencia Literaria.

Lorenzo anunciou o próximo lanzamento dunha nova convocatoria de residencias artísticas, a través da cal serán seleccionados ata catro proxectos que se sumarán, na segunda metade do ano, a aqueles que están xa a dar os seus primeiros pasos no Gaiás.

Esta mesma fin de semana comezarán xa a traballar os equipos seleccionados para a Residencia Comtecart, unha nova iniciativa en colaboración coa Universidade de Vigo para impulsar o desenvolvemento de videoxogos a partir de obras literarias galegas.

A profesora da UVigo, Beatriz Legerén, explicou que nesta residencia estudantes e titulados recentes con talento para a arte, a narrativa, o deseño e a tecnoloxía traballarán de maneira intensiva ata abril para idear, desenvolver e presentar a proba de concepto dun videoxogo baseado na novela Arnoia, Arnoia, de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Tamén en marzo desenvolverán a súa estadía no Gaiás as compañías Galeatro e Moving Compass, responsables de dar forma, respectivamente, aos volumes 4 e 5 do ciclo Clásicas desfeitas, realizado en colaboración co Centro Dramático Galego. Nesta ocasión, textos clásicos da literatura portuguesa e do teatro medievais serán o punto de partida de dúas anovadoras propostas que parten á procura de novos públicos empregando linguaxes e técnicas actuais do teatro de monicreques e da improvisación. O resultado desta residencia, que presentou o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, poderá verse a finais de mes en dúas funcións de dous pases cada unha na Cidade da Cultura.

NOVOS CAMIÑOS PARA AS ARTES ESCÉNICAS. Entre as novidades desta edición, Anxo Lorenzo fixo mención igualmente á estadía Facendo novos camiños, incluída na programación do Xacobeo 21-22. Unha iniciativa que convidou a tres artistas galegos —Mercé de Rande, Ramón Souto e Mateo Feijóo— cunha traxectoria recoñecida na danza, na música e nas artes escénicas, para crear tres pezas inéditas deseñadas especificamente para ser representadas no Gaiás dentro do festival Escenas do Cambio.

No eido das letras, o programa de Residencias Artísticas do Gaiás deste ano ten aberto o prazo de inscrición para a segunda edición da Residencia Literaria da Cidade da Cultura. A convocatoria oferta 10 prazas para autores emerxentes e inéditos que queiran perfeccionar os seus proxectos de narrativa canda escritoras e escritores destacados do panorama literario actual. Ledicia Costas e Marta Sanz, canda o director da residencia, Javier Peña, serán quen os acompañarán nesta edición.

Completan as Residencias Artísticas do Gaiás desta primeira metade do ano as RESIS, en residencia e as Residencias Paraíso. A primeira concretarase en You erase yourself, unha instalación sonora inmersiva que xoga coa idea de facer desaparecer o espazo e o tempo e que se poderá experimentar tanto no Museo Centro Gaiás como dentro da programación do Festival RESIS de música contemporánea da Coruña, anunciou a responsable de comunicación do festival, Laura Garrido. Ademais, nos próximos meses coñeceremos os dous proxectos que estarán no Gaiás como parte das Residencias Paraíso, impulsadas polo colectivo RPM co apoio da Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais para dar acubillo a artistas de danza e artes vivas de España e, por primeira vez este ano, tamén de Portugal.

BALANCE DO ANO PASADO. A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, explicou que a posta en marcha das Residencias artísticas do Gaiás en 2021 foi “un reto necesario para dar resposta ás necesidades do sector cultural nun momento crítico, no que apostamos polo talento como motor para a recuperación e renovación do sector”.

Unha experiencia pioneira que converteu o Gaiás nun polo creativo no que se deron cita preto de 70 artistas de Galicia, España, Portugal, México ou Italia, e do que naceron unha vintena de novas obras de artes plásticas, teatro, artes visuais e literatura.

A través do programa de Residencias Artísticas do Gaiás REGA, a Cidade da Cultura ofrece catro recursos fundamentais para a creación: tempo, espazos, equipos técnicos e unha ampla rede de alianzas que enriquecen a propia experiencia das persoas residentes e que posibilitan tamén ampliar o impacto do seu resultados máis aló do Gaiás.

02 mar 2022 / 17:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.