Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Veciñ@s’ achégase ata Lugo e Ourense para unha festa

Na provincia do sur de Galicia poderá vivirse como organizan un día para unha parella de hosteleiros con 40 anos no barrio

A Televisión de Galicia ofrecerá este domingo a segunda entrega do programa Veciñ@s, que reflicte aspectos variados da convivencia que se desenvolve no ámbito de singulares comunidades.

Esta semana, Veciñ@s visitará o barrio da Ponte, en Ourense, e tamén o da Muralla, en Lugo. No primeiro, acompañará a xente da comunidade mentres preparan unha festa sorpresa para unha parella de hostaleiros que levan 40 anos servindo o barrio.

E despois, os espectadores descubrirán que os arredores do monumento romano son un lugar que namora a calquera, ata mozas como Shannon, que deixou a súa California natal para vivir na Muralla.

Incombustibles. O programa Incombustibles ocúpase hoxe das herdanzas. Que podemos herdar? Que sabemos de testamentos? Preocúpanse os galegos por esta cuestión e por deixar testamento feito en vida? Pódese herdar algo máis que cartos? Que valoramos máis unha herdanza en metálico, patrimonio ou outro tipo de valores? Esta noite, o espazo que conducen Teté Delgado, Luísa Veira e Manolo Botana dará resposta a cuestións coma estas.

Doutra banda, os espectadores da Televisión de Galicia poderán gozar, coma cada domingo, coa música en vivo de Deteriorados, a banda residente de Incombustibles. Ademais, a libreira Nieves Loperena, a piques de prexubilarse, explicará os seus plans vitais unha vez que deixe de traballar, o mesmo que o propio Manolo Botana.

Mercedes Suárez, exdirectora do Centro Coreográfico Galego, e Julia Méndez, nai e filla, falarán dunha herdanza moi especial, a profesional. Ambas as dúas dedicaron e dedican a súa vida á danza.

‘Vivir Aquí’. O plástico pasou de ser o gran material do século XX a converterse nun dos máis denostados do XXI. Está presente en moitos produtos de consumo e, cando xa non é útil, destruílo converteuse nun importante problema, dado o seu impacto ambiental. Desde 2003, o seu uso restrinxiuse, ao tempo que volveron métodos de venda como o granel, que en Galicia son ben coñecidos. O programa Vivir Aquí recolle hoxe os testemuños de expertos do Centro Superior de Investigacións Científicas de Galicia sobre as posibles solucións ao procesamento deste compoñente. Ademais, os reporteiros do programa visitan tendas que promoven a substitución do plástico por materiais máis sostibles.

Doutra banda, o espazo de reportaxes da Televisión de Galicia ocuparase da percepción social da vellez. Actualmente, chégase á ancianidade logo dunha vida activa e chea de decisións e capacidades. Non é doado asumir este estadio da vida. O idadismo ou discriminación por razóns de idade está cada vez máis presente nunha sociedade que admira preferentemente a xuventude. O programa recollerá as opinións de coidadores de persoas maiores e mais de vellas e vellos que non queren que a súa idade determine a importancia da súa opinión, nin tampouco a súa participación na sociedade.

‘Zigzag’ na G2. O músico viveirense David Catá visita hoxe o estudo do programa cultural da G2 ZigZag. Falará do seu primeiro disco, Origen, que acaba de saír ao mercado. Nel recolle ata 12 temas instrumentais, que achega ao público, tanto en formato físico como a través de plataformas musicais. Precisamente, o pasado mes de decembro ofreceu un concerto no seu Viveiro natal para dar a coñecer o proxecto que agora trae á canle pública.

22 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.