Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
IAGO SEARA MORALES / Arquitecto

Iago Seara: “Nas cubertas da catedral de Ourense houbo quen me aprendeu a escoitar a fala dos monumentos”

É un dos arquitectos máis reputados, respectados e premiados de Galicia. Foi profesor da Escola de Arquitectura da Coruña, director xeral de Patrimonio e membro do plenario do Consello da Cultura Galega, no que na actualidad pertence á sección de Bens Culturais. Hoxe pisamos con pés de plomo para coñecer a un galego que, ademais, domina como ninguén a sorna e a retranca.

Como e onde está a pasar as vacacións?

Sen lugar a dúbidas, en Corrubedo, como todos os anos. É que hai outra posibilidade?

A súa praia de cabeceira?

O longo areal da Ladeira, duna vexetada, duna, ringleira de pedras e rochas pequenas, rocha, río e lago incluído... Tés que ir a outro lugar estando onde o mundo se chama Corrubedo?

Cal foi a peor trapallada arquitectónica que lle espantou ver?

Co tempo, incluso as cousas sen xeito acaban recibindo certa comprensión. Por outra banda, quen está exento dalgún sen xeito?

Se puidese viaxar no tempo, de que proceso construtivo lle gustaría ser testemuña?

Quizais o do momento fundacional do Movemento Moderno, pero sobre todo no tempo posterior a el, o tempo difícil dos resistentes, ou sexa, unha vez pasada a emoción dos sabios fundadores. Por citar algún resistente, o galego Alejandro de la Sota, que nos seus últimos anos agrazounos veraneando aquí, en Corrubedo, a carón da praia do Prado. Un privilexio, sen lugar a dúbidas, para esta comunidade autónoma tan de ideas fixas.

A que tres personaxes históricos convidaría a xogar unha partida de cartas e que tema de conversa sacaría?

De cartas? Non, mellor ao dominó. Proporía unha inefable xa xogada por Manuel Fraga e Fidel Castro na viaxe do comandante á aldea de onde saíra seu pai. Non houbo espazo para o terceiro nin tampouco voluntarios. O tema? Pode que fora, ou foi, a cordialidade da paisaxe, que diría un, e a paisaxe da cordialidade, que diría o outro.

Tivo algunha experiencia paranormal?

Si: o outro día esperteime a unha hora asistemática e non atopaba a praia; pronto me decatei e, cando xa pensaba en chamar a Caetano Díaz ou a Suso Souto, por iso de que me informaran de a onde fora, caín na conta de que era a néboa, que estaba a xogarme unha mala pasada tendendo un veo entre a fiestra da miña cociña e o mar.

A que cantante lle gustaría ter de veciño?

Querrá vostede dicir, supoño, aquí onde o mundo se chama Corrubedo... Por suposto, a Leonard Cohen e a Bob Dylan, poetas e cantantes afastados dos postureos que pretenden tocar a fondura do valeiro.

Con que frase empezaría as Memorias?

Unha frase? Que aquí, onde o mundo se chama Corrubedo, semella as memorias... como verá. Nacín o 26 de agosto de 1948 na Praza do Trigo de Ourense, nunha casa cun soportal que remata aos que veñen en costa dende a Praza Maior e fai praza co adro sur da catedral de Ourense. Co tempo, a poucos metros, eu de meritorio, nas cubertas desa catedral houbo quen me apredeu a escoitar a fala dos monumentos.

Como se chama a súa mascota?

Compartín un tempo o can da filla. Un día escapou e estiven dous días buscándoo polas beiras do Sar. Ás seis e media da mañá do segundo día atisbeino, con corpo claudicado, á altura da macrotenda que daquela tiña alí Adolfo Domínguez. Abrín a porta do meu Touran e chameino, deu unha volta de cuarto de xiro, saltou, encolleuse e caeu sentado de copiloto. Logo, pechei a porta do coche e díxenlle: “Bobo, agora lévote xunto a Neves!” E non foi un insulto: simplemente é que era así como o bautizara a miña filla: Bobo.

O tema preferido de conversa cos amigos?

A verdade é que prefiro escoitar e, polo tanto, prefiro os temas que eles elixen.

Cal é a prenda máis antiga do seu armario?

Unha trenka desestruturada de la tintada nun azul matizado de Adolfo Domínguez. Vamos, para os que entendan, máis de Armani que de Yamamoto e moito menos que as da Armada británica. Esa trenka é emblemática de todo un proceso histórico e, por suposto, identitario da Galicia do interior ou, mellor dito, desa única provincia que non ten ningún “faro co seu ollar largasío” e o Ourense de José Baltar, alí teñen a “illa das esculturas”.

O seu refrán de cabeceira?

Non sei se é un refrán ou non; por se acaso o é, escoito a miña memoria escolar e lembro que Spinoza sintetizaba, según o profe, o seu discurso dicindo: “O que di Juan de Pedro di máis de Juan que de Pedro”.

Que lle diría a alguén que está pechando un galiñeiro cun somier?

Aquí téñoo moi claro! Xa en serio, se se me permite: o minimalismo fundacional, non o que imita ao minimal, o que é sincero e auténtico, caracterízase exactamente en procesos como o que vostede reporta. Eu, se vexo que a galiña non sae do seu espazo polos ocos da malla do somier, diría que está ben.

O seu último momento terra, trágame?

Foi cando lin o correo de EL CORREO GALLEGO requeríndome para esta entrevista.

Que obxecto da súa infancia custodia con máis agarimo?

As gafas Truman do meu pai.

Sexa sincero: de que ou de quen se acorda cando se golpea a rodilla ca pata da mesa?

Engado eu: ou os dedos dos pés? É un feito positivo verificable que non recordo moi ben, polo tanto miro o que pasou e o porqué pasou e procuro que non volva pasar. Para que meter a Deus en asuntos anticipadamente erráticos?

O último que aprendeu antes de deitarse?

Cousa feita non corre presa.

Que tería que pasar para que se afeitase a barba por completo?

O que me pasou a última vez: o perruqueiro meteu o número 1 na maquinilla de cortar e deixouma moi, moi trasquilada. Cando cheguei á casa corteina de todo. Ao terceiro día, máis ou menos, xa non lembraba a desfeita.

O TOP-3 de construcións galegas recentes?

Eu prefiro unhas non recentes, pero modernas, ou sexa, unhas que se fixeron da man da razón e, xa que estamos en agosto e onde o mundo se chama Corrubedo, vou centrarme aquí, así que diría: a casa familiar de Manuel Gallego Jorreto, que crea unha paisaxe moi especial; a casa de Chipperfield, na súa inserción urbana cunha fachada silenciosa, sen trampatollos nin postureos e, polo tanto, inmellorable; e a do, como non, director adxunto de EL CORREO GALLEGO, Caetano Díaz, que foi un cliente TOP e cre desfrutar dunha casa TOP, Le Corbusier diría, “onde o mundo se chama Corrubedo”, que un bon cliente é o mellor da arquitectura...

A saber que...

• No eido familiar, en que se considera un experto ou un manitas? Nas ensaladas e nos sándwiches.

• A película que viu máis veces? Clouds of Sils María (Viaxe a Sils Maria), dirixida por Olivier Assayas. Toda ela é unha loa paradigmática da idea da paisaxe de Otero Pedrayo.

• Dúas manías? En serio? Déixolle esta a...

• Dúas rutinas? En serio, déixolle estoutra tamén a vostede.

• Algo que nunca fixo por precaución? Negarlle a EL CORREO GALLEGO unha entrevista de verán.

• Un rincón de Galicia? O complexo areal da praia da Ladeira relativizado polas subidas e baixadas das mareas amenizadas pola luz da lúa ou do sol; non pode ser doutra maneira.

• Algo que fixo por atrevemento? Non negarlle a EL CORREO GALLEGO unha entrevista de verán.

• A súa comida preferida? As carrilleras de porco á cebola e con cocemento lento, moi lento.

• A súa canción do verán? Aleluia, de Leonard Cohen xunto, se poidera ser, con Bob Dylan a dúo, unha posibilidade que por desgraza xa nunca se dará, pero onde o mundo se chama Corrubedo tal vez ata iso sexa posible. Nunca se sabe.

• A que xogou a última vez? A este xogo que me propuxo o Suso de EL CORREO GALLEGO.

01 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito