Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Para min o podio é máis un protocolo que o resultado”

Lara López, de Ordes, conta cun amplo percorrido en competicións de Salvamento e Socorrismo. Con só dezaoito anos ten nas súas mans destacados títulos que a sitúan nunha prestixiosa posición de cara o futuro. Campioa de España Junior e Absoluta na proba de Sprint Praia en Noja, bronce en 100 m Socorrista Junior no Campionato de España de Inverno (Torrevieja) e bronce na proba de 100 m Remolque Maniquí Aletas Junior no Campionato de España de Inverno son os máis recentes.

Cal foi o motivo que te levou a adentrarte no mundo do atletismo e do salvamento?

Meus pais son os dous profesores. O club Atlética A Silva, en Cerceda precisaba xente, entón o adestrador falou con eles para ver se poderían ofrecer rapaces para probar o deporte. Eu fun e foi das poucas que se quedou. A partir de ahí fun crecendo.

– En que modalidades participaches nos últimos anos e onde?

Practico atletismo e salvamento. En salvamento, a temporada de piscina é ata maio e despois competimos en praia. Coa Selección de España Junior fun a Italia para participar no campionato de Europa e coa Selección de España Absoluta estiven en Sudáfrica.

– En que consisten as especialidades de salvamento?

Tanto en piscina como en praia hai probas individuais e probas de relevos –seis en cada espazo–. A maiores en praia unhas son en area e outras na auga. As que mellor se me dan son as de area pero non descarto as demais.

– Con que periocidade adestras?

Normalmente adestro seis días á semana. Descanso un dependendo da semana e de como me atope, e cada día practico un deporte. Así, tres días realizo salvamento e tres atletismo aínda que hai días nos que non descarto adestrar ambas modalidades. Adícolle entre dúas ou dúas horas e media diarias.

– Falo por ti soa ou tes á túa disposición un adestrador persoal?

Actualmente en atletismo adéstrame meu pai. Os últimos meses tamén me estivo dirixindo el en salvamento xa que ao estar en segundo de Bacharelato non podía ir ata Sada pero si teño adestrador no Club Salvamento SASA, do que formo parte dende a categoría de cadete.

– É difícil compaxinalo cos estudos?

Hai que organizarse bastante porque non podes desaproveitar o tempo. As ganas non poden faltar.

– Recibiches o apoio da familia e dos amigos dende o primeiro momento?

Desde sempre recibín ese apoio da xente cercana. Aos meus pais gústalles moito o deporte e eu dende os cinco anos practiquei diversas actividades. Fixen triatlón, atletismo, hípica, fútbol sala... un montón de cousas.

– Sobre cantas medallas tes na casa?

Non che podo decir un número exacto (risas). Obviamente para min as máis importantes son as do Campionato de Europa pero non me esquezo das logradas a nivel nacional –que son bastantes para os poucos anos que levo en Salvamento–.

– Que é o primeiro que pensas antes de que dea o pistoletazo de saída?

Principalmente sinto moitos nervios porque son bastante autoesixente. Pero as ganas poden con todo. A maiores é necesario estar moi concentrada xa que todas as probas nas que participo son de velocidade e reactivas.

– Que sintes cada vez que sobes ao alto do podio?

Para min o podio é máis un protocolo que un resultado. Saber que melloro e que me vou formando cada vez máis é o que me ilusiona. O fundamental é saber que estou indo polo camiño correcto. Pode que me sinta mellor cando o fago moi ben e non consigo o ouro que noutras ocasións nas que recibo o premio e obxectivamente non estou contenta co que fixen.

– Mídeste a deportistas de maior idade que conforman a élite do Salvamento e Socorrismo Nacional. Que significa esto para ti?

Competir coas maiores sempre é positivo porque ao final é máis nivel e axúdache a crecer. Gústame e á vez impón pero creo que é fundamental para chegar a estar cos mellores. Cando fun a Sudáfrica coa Selección Española Absoluta competín coas mellores do mundo e concursar coas túas ídolas, creo que é das mellores sensacións dos deportes.

Como comentabas, formas parte da Selección Española. Que supón esto para ti?

Creo que é un obxectivo que todos queremos conseguir pero hai moita xente e poucas prazas. Para min foi un soño cumplido o poder ir coa Selección Española e representar ao meu país en varias ocasións. Sintes que podes conocer a xente e estar nese mundo que todos vemos como unha aspiración. Así obter medallas implica que non se equivocaron elexíndome.

Sufriches lesións nestes anos?

Nunca tiven unha lesión de ter que renunciar a competir ou estar parada porque sempre que tiven algunha molestia tratouse no momento. Sempre fun consciente de que hai veces que toca descansar. Si houbo campionatos nos que non estiven no meu máximo pero competín igualmente.

– Esperabas ter un percorrido tan meteórico nesta especialidade? Como se consegue?

A verdade é que non. Comecei por facer un deporte máis e non me esperaba chegar tan alto. Creo que se fas o que che gusta e disfrutas hai que seguir intentando medrar. Hai que esforzarse, organizarse e non desmotivarse cando as cousas non saen. Se non disfrutas do deporte, creo que adestralo coa mentalidade de só querer gañar non beneficia e non axuda a destacar nun futuro.

Cales son os teus obxectivos de futuro?

O meu soño é ir coa Selección Española Absoluta a un mundial. Ademais, agora que cambio de categoría, o meu obxectivo é intentar manterme e que non sea unha desmotivación ir aumentando de nivel. Toca seguir mellorando e crecendo como deportista.

13 ago 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito