Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Versos de Bernardino Graña para celebrar o Día da Poesía

A Real Academia Galega o conmemora en Nigrán coa obra do mascato que se ergue sobre o mar para cantar como protagonista

Os poemas de Bernardino Graña soaron este venres na celebración do Día da Poesía da Real Academia Galega. A institución da que o escritor forma parte rendereulle homenaxe no Auditorio de Nigrán, nun acto no que estivo acompañado por outros poetas, amizades e os lectores dunha obra marcada fondamente pola pegada mariña.

“Como un mascato, Bernardino Graña érguese sobre o mar para o cantar. É a voz do mar, das ondas, carromeiros, baleas e candorcas, mais tamén, ao navegar sachando na súa historia que é a nosa, é a voz dos mariñeiros que falan a través da súa gorxa”, retratou na plaquette editada para a ocasión a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, encargada de conducir o acto.

Os académicos Ramón Lorenzo e Fina Casalderrey recitaron versos do homenaxeado canda Xosé María Álvarez Cáccamo, Alexandre Ripoll, Lucía Novas, Alexandre Nerium, Marta Dacosta, Elvira Ribeiro, Héitor Mera e Miro Villar. Tamén participaron no recitado Rosalía e Navia Franco Barreiro, fillas do académico Xosé Luís Franco Grande (1936-2020), quen tiña previsto participar nesta homenaxe posposta pola pandemia, e o trío Gelria encargouse da música nesta cita organizada pola RAG co apoio do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, abriu o programa xunto ao alcalde do municipio, Juan González Pérez. Foi un encontro para celebrar a figura de Bernardino Graña e a súa obra, “un universo autónomo, construído de tradicións e palabras, e no que nos recoñecemos”, salientou Freixanes, que destacou o seu vínculo co mar das Rías Baixas que o viu nacer.

“Nesta festa que nos convoca celebramos o mar e a súa profecía, reivindicación do mundo que non queremos deixar que se estrague, pois forma parte da nosa memoria do que somos e do que queremos transmitir aos que veñan despois”, engadiu.

A laudatio de Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) correu a cargo do académico Xesús Alonso Montero, compañeiro de pupitre no 1943, cando os dous preparaban o ingreso de bacharelato no Academos de Ribadavia. Alí o pai do homenaxeado impartía clases cun maxisterio ao que Alonso Montero lle debe a súa inclinación ás letras.

E con só 11 anos, Bernardino Graña fillo “xa preludiaba o discurso orixinal e moi pouco convencional co que nos asombraría, a partir de 1958, coa súa obra literaria, nomeadamente coa poética”.

Unha produción que tamén ten unha gran débeda co proxenitor e mestre, quen lle aprendeu o amor polos libros e mais “a disciplina de escritor xuntamente coa sensibilidade, o gusto, a cultura literaria, a busca da palabra”, deixou dito o autor no seu discurso de ingreso na RAG.

El é, dixo, un creador de “musa plural” que vai do existencialismo á poesía civil, “pasando polas súas grandes páxinas telúricas e outras, entre elas certos poemas infantís, en versión máis ou menos subversiva, como os que compoñen Tres vellas fábulas novas”.

O profesor tamén se refiriu a Profecía do mar como un dos seus títulos imprescindibles. “Nese libro figura o celebérrimo poema O gato da tasca mariñeira, sobre o que Fernando Lázaro Carreter, un sabio filólogo, me escribiu unha carta ateigada de gabanzas e agudas observacións», compartiu.

Estes versos soaron interpretados musicalmente por Gelria e na parte dos recitados por Ramón Lorenzo, un dos galeguistas cos que Bernardino Graña compartiu experiencias e arelas no Grupo Brais Pinto no Madrid de finais dos anos cincuenta.

O artista Reimundo Patiño (1936-1985) estivo dalgún xeito presente na homenaxe, a través do poema Oda mariña ás forzas de Patiño e Jackson Pollock, que recitou Elvira Ribeiro Tobío; e tamén o académico Xosé Luís Franco Grande, quen deixou escrita unha lembranza na que recorda o outono de 1954, o ano no que se coñeceron, aínda que xa escribían dende tempo atrás.

“A visión telúrica do Atlántico que irradia con forza en Profecía do mar marcoume intensamente naquelas primeira lecturas da adolescencia e influíu notablemente no meu primeiro libro”, confesou Lucía Novas (Bueu, 1979).

Ampla produción literaria
Literatura infantil, novela e teatro

···Alén da poesía, a produción literaria de Bernardino Graña, recoñecida con numerosos galardóns ao longo de toda a súa traxectoria profesional, abrangue tamén o teatro e a narrativa para o público adulto, dende os relatos de ‘Fins do mundo’ (1973) á súa primeira novela, ‘Protoevanxeo do neto de Herodes’ (2005) -gañadora do Premio Eixo Atlántico-, ‘A fuga a Exipto’ (2016) ou os contos reunidos en ‘Os toliños mariñeiros da Costa da Morte’ (2020). Pero como narrador ten publicado sobre todo diferentes obras dirixidas principalmente ao público infantil, máis dunha vintena de volumes dende que se fixera co premio do II Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho co título ‘O león e o paxaro rebelde’ (Galaxia, 1969). Membro da Real Academia Galega dende o ano 2010, o escritor ingresou na institución académica, nun acto que tivo lugar na súa localidade natal de Cangas do Morrazo, no que o seu discurso de ingreso titulouno ‘Contos populares e Rosalía’.

18 mar 2022 / 19:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.