Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Vicente Risco, Otero Pedrayo e Ben Cho-Shey, xuntos nunha homenaxe

O CCG recrea a peregrinación que fixeron a Santo André de Teixido en 1927

Santiago. En 1927 tres amigos, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben Cho-Shey), iniciaron unha peregrinación que os levou de Ourense a Santo André de Teixido. Case cen anos despois, o Consello da Cultura Galega (CCG) recrea esa viaxe para descubrir as transformacións do rural galego grazas ás detalladas descricións de Otero e os debuxos de Vicente Risco, que recolleron no libro Pelerinaxes que a Editorial Nós deu ao prelo en 1929..

A peregrinación que realizaron é un roteiro que foi recreado en diferentes ocasións pero que o Consello da Cultura Galega, coa colaboración das Fundacións Otero Pedrayo e Vicente Risco, presenta con tecnoloxía de hoxe, coa idea de conectar eses espazos como os atoparon os tres amigos en xullo de 1927 e comprobar as transformacións xeográficas e culturais.

O Consello presentou onte esta recreación no día da romaría de Santo André de Teixido (30 de novembro). Un santuario no que, segundo conta Otero Pedrayo, “non rezaron bispos nin reises. Carlo Magno non chegou a mollar a súa barba frorida nistas augas batidas por ventos infindos do mar e esprito lonxano. Ninguén pensou en afirmar os camiños, nin en botar arcos de ponte pros pelengrinos de San Andrés. É culto galego e mariño. Galego no senso de pobo, de capa social apegada ó granito e a pizarra”.

O proxecto emprega os textos de Otero Pedrayo e as ilustracións de Risco como un guieiro para comprender as transformacións e permanencias da paisaxe rural galega. A través de cartografía antiga e moderna, modelos dixitais do terreo elaborados con tecnoloxía LiDAR, sistemas de xustaposición de imaxes e voos de dron, os lectores poden comprender os procesos de cambio do rural do interior das provincias de Lugo e Ourense, pero tamén as permanencias.

O especial tamén vén acompañado con textos de Afonso Mato, coautor con Santiago Lamas do ensaio De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de NÓS ao cabo do mundo, co que gañaron o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015, que permiten contextualizar e entender o sentido da viaxe para os membros da Xeración Nós.

Cada día publicarase unha etapa deste periplo que dividimos en etapas diferentes das que realizaron os tres amigos. Comezamos co itinerario entre Ourense e San Pedro de Viana (Carballedo).

A seguinte ruta vai de Viana a Monterroso. A terceira parte do camiño transcorre entre Monterroso e Palas de Rei. Séguelle Palas de Rei, Lugo e Rábade. A proposta continúa entre Rábade e Vilalba. Outra etapa vai de Vilalba ata As Pontes de García Rodríguez. A penúltima, desde As Pontes ata Ortigueira e remata entre Ortigueira e Santo André de Teixido.

Pelerinaxes é a publicación na que os tres protagonistas deixaron pegada daquela experiencia. Foi editada pola Editorial Nós en setembro de 1929 . O texto foi escrito por Otero Pedrayo, ilustrado e prologado por Risco cun certo propósito científico, ao recadar coñecementos de xeografía, etnografía e socioloxía galega. Combina a erudición de Otero á hora de describir a paisaxe coa fina ironía de Risco. Entre o 4 de xullo, que saen de Ourense ata Santo Andrés de Teixido, e o 12, que regresan de novo á cidade das Burgas en autobús, transcorren oito días en que os tres protagonistas escriben e debuxan a Galicia que atoparon nun camiño que fixeron a pé, en cabalo e en autobús. ecg

01 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.