Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Víctor F. Freixanes recibe na RAG ás fillas de Florencio Delgado Gurriarán

As irmás Celia, Maruxa e Carmiña agradeceron as iniciativas de afecto e homenaxe ao seu pai

Santiago. Maruxa, Celia e Carmiña Delgado Teixeiro, fillas de Florencio Delgado Gurriarán, coñeceron este venres a sede da Real Academia Galega. O presidente Víctor F. Freixanes convidounas a visitaren a sede da institución que lle dedicou o Día das Letras Galegas 2022 ao seu pai, nomeado académico correspondente no ano 1981.

O presidente da RAG agradeceulles a súa viaxe dende México e os Estados Unidos, onde residen, para participaren no pleno extraordinario da Academia co gallo do Día das Letras Galegas, celebrado o martes en Córgomo, a localidade natal do poeta e activista cultural, referente do exilio galeguista en México. Víctor F. Freixanes trasladoulles ademais un saúdo afectuoso para a súa nai e viúva de Florencio, Celia Teixeiro, que segue a vivir no país que acolleu o escritor tras a guerra civil.

As Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán, apuntou Freixanes, están a contar coa complicidade entusiasta da veciñanza de Valdeorras e continuará con novas iniciativas ao longo de todo o ano, tanto por parte da RAG como por asociacións e institucións de todo o país.

As fillas de Florencio manifestaron o seu agradecemento á RAG e ao conxunto da sociedade galega pola homenaxe ao seu pai, unha gratitude da que deixaron constancia no libro de ouro da institución. “Este momento vai quedar para sempre no noso corazón. Encantoume toda esta resposta amorosa da xente de toda Galicia, dende o plano académico ata o dos artistas e os veciños de Córgomo, comprobar que o noso pai é unha persoa querida e admirada e como a súa figura se transmitiu a través das xeracións”, salientou Celia Delgado, a maior das tres fillas e segunda dos cinco irmáns,.

“Estamos sorprendidas da magnitude da resposta, tan cálida, da súa Galicia infinda”, asegurou Maruxa, que agradeceu o recoñecemento da loita do seu pai pola democracia, a lingua galega e a paisaxe da terra que significan as Letras Galegas deste ano.

Carmiña, a benxamina, como lle dicía o seu proxenitor, explicou que comezaron xa a celebrar dende a distancia esta homenaxe, pero que o afecto que atoparon cara á figura de Florencio ao chegaren a Galicia superou todas as súas expectativas. redacción

20 may 2022 / 17:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.