Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Victoria Lareu recibe de mans de Feijóo o premio Wonemburger

É catedrática de Medicina Legal e directora do Instituto de Ciencias Forenses

Santiago. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este martes un investimento de máis de 34 millóns de euros en 2022 para impulsar o emprendemento feminino e a inserción laboral e seguir avanzando cara á igualdade real.

O titular do Goberno autonómico falou desas temáticas despois dunha intervención destacando a traxectoria da galardoada co Premio María Josefa Wonenburger 2021: a catedrática de Medicina Legal e directora do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago (USC), Victoria Lareu.

Feijóo, incidiu en que o traballo e os logros de todas as galardoadas con este premio serven como referente para as novas xeracións.

Lareu é especialista no campo da xenética forense, onde participou no deseño de ferramentas básicas en pericia de xenética forense hoxe de uso mundial.

Segundo precisou Feijóo, inclúe o Plan emprega muller -34,3M€-, centrado na formación para impulsar a inserción laboral das mulleres, no que se insire o Programa Emega que, cun orzamento de máis de catro millóns de euros, aposta polo emprendemento feminino, especialmente no ámbito tecnolóxico.

Nesta mesma liña, recordou tamén a modificación o pasado mes de xullo da normativa para garantir a igualdade real entre homes e mulleres no ámbito universitario e da investigación, entre cuxas novidades está, por exemplo, acabar coa histórica discriminación que sufrían as investigadoras á hora de optar a unha praza pública polos períodos de non produción científica, por baixas por maternidade ou embarazo.

Durante a entrega desta nova edición do Premio María Josefa Wonenburger, Feijóo reiterou o compromiso da Administración autonómica para acabar coa fenda de xénero no sector científico e tecnolóxico. Non en van, recordou que máis da metade dos alumnos que escollen o Bacharelato científico seguen a ser varóns; “e eles tamén son maioría no eido do I+D a nivel empresarial”, engadiu, subliñando que apenas o 7% das patentes solicitadas en 2019 foron pedidas por mulleres.

Con este fin, confirmou que o Goberno galego está xa a traballar no deseño do III Programa muller e ciencia en Galicia 2023-2025; un proxecto que parte do organismo Unidade de Muller e Ciencia.

Esta distinción foi creado pola Xunta para a distinguir a aquelas mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte da Consellería de Emprego e Igualdade. Trátase de facer chegar á sociedade as contribucións feitas por elas e que sirvan de exemplo a xeracións vindeiras.

O premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, referente feminino no ámbito das ciencias.

Nos último anos, foron merecedoras deste famoso recoñecemento mulleres como Amparo Alonso, catedrática de ciencias da computación de intelixencia artificial na Universidade da Coruña; Mabel Loza, farmacéutica referente no descubrimento de medicamentos ou Alicia Estévez, farmacéutica especializada en bioloxía microbiana e parasitaria. luis planas

15 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.