Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Violencia 3.0

    Nunha sinfonía memorable, o sublime xordo de Bonn manifestou a súa devoción polo empereur des français, o pequeno cabo, corso de nación, que quixo conquistar o mundo e rematou os seus días só e abandonado á súa sorte, nunha das paraxes máis remotas e melancólicas do globo. Poucos casos na revirada historia da humanidade testemuñan un descenso aos infernos tan brutal tras anos de tocar o ceo e habitar o exclusivo territorio dos elixidos.

    Beethoven admiraba en Napoleón os mesmos valores que fixeron de Francia o asombro do mundo en 1789 e o faro guieiro de tantas nacións nas décadas seguintes. O xenio cría, e levou a súa crenza a orquestracións sublimes, que ningún home é superior a outro e que a liberdade de obrar, conforme a rectos principios de ética baseados no igualitarismo, é o valor absoluto polo que ningunha loita será nunca en van. Bonaparte, figura na que, por baixo do xenio militar e unha fortaleza sen parangón, latexaba o pulo máis puramente romántico, quixo impoñer o ideario republicano ao mundo, facer libres e iguais os homes e as mulleres, rematar co absolutismo, coa pobreza, coa indignidade, coa violencia, pero, como era, polo demais, perfectamente esperable, este nobre kit de anceios levou ás consecuencias máis paradoxais. A defensa de tan encomiables ideais conduciu á morte a millóns de persoas, en sanguinarios episodios bélicos multinacionais.

    Con todo (e o benéfico efecto do afastamento de feitos ocorridos hai máis de dous séculos), a figura de Napoleón resúltame atractiva. Penso que non era un ególatra e cría firmemente no que defendía. Tras o subidón de 1789, enxergou con inusitada lucidez a posibilidade dun mundo no que todos os homes fosen irmáns e a fame, a miseria e a desigualdade malos recordos.

    O certo é que todos os intentos históricos por facernos mellores foron fracasando un tras outro. Home, algo se conseguiu, claro: hoxe non queiman vivo a ninguén por mexar contra o muro dunha igrexa nin se lles chama sodomitas (que horrible verba) aos homosexuais. Pero tras tantos milleiros de anos, frustra bastante comprobar que hai esencias humanas inmutables (e non me refiro a cheiros nin perfumes) e que, de feito, nunca aprendemos nada. Unha destas esencias, clara, categórica, contundente, aterradora é a violencia, que, como todo, evolúe e se adapta aos tempos. Esa imaxe dantesca de botellóns de sangue e lume, que rematan con dez ou quince feridos por arma branca, coches e mobiliario urbano esnaquizado, policías apedrados e cincuenta ou sesenta hospitalizados con coma etílico é o signo (apocalíptico?) dos tempos: a indulxencia daqueles ventos trouxo a extrema violencia destes lodos. O botellón é un monstro que naceu como un monstro e ninguén, vaia vostede a saber por que, quixo atallalo cando se podía. Agora o monstro medrou e, como o camaleón, se mimetiza cos tempos.

    A violencia xa non está só no Líbano, Mosul ou Myanmar. A violencia, 3.0, unha violencia vil, absurda, demente e desatada, orlada de mexos e vomitonas nos portais, nútrese e retrolimentase de marabuntas dunha xeración de mozos que naceron e se desenvolveron na xurdia crenza de teren dereito a todo. Mesmo á violencia.

    23 oct 2021 / 00:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.