Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Visitas guiadas, música e obradoiros enchen os museos autonómicos

Todos os centros da Xunta ofrecen actividades especiais para festexar o seu día internacional

Os espazos museísticos xestionados pola Xunta celebran o Día Internacional dos Museos, este mércores, cunha programación que inclúe visitas guiadas, obradoiros e música, entre outras propostas para todos os públicos.

A meirande parte da actividade comeza o propio mércores e prolóngase ata a vindeira fin de semana, co gallo da Noite dos Museos. A axenda pode consultarse nas webs e redes sociais dos centros, espallados polo territorio e na axenda de Cultura de Galicia.

Así, en Compostela, o Museo das Peregrinacións e de Santiago exhibirá o documental divulgativo A Translatio e ofrecerá visitas contadas, un espectáculo musical e un obradoiro familiar. Tamén acollerá un obradoiro e unha conferencia a cargo da presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur e a artista galega Carla Andrade, que terán lugar no marco da exposición Percorrer o tempo, que se vai inaugurar o vindeiro venres.

Pola súa banda, o CGAC organizou ao longo da semana percorridos guiados, un obradoiro familiar e sesións abertas dos cursos que imparte.

As visitas guiadas especiais serán as protagonistas no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura. A través de Baixo a pel do museo e Gaiás secreto, o público poderá achegarse a zonas restrinxidas das instalacións.

Canto ao Museo Camilo José Cela, no concello de Padrón, centra a programación no propio mércores co espectáculo de narración oral Tertulias clandestinas con Camila Trulock Bertorini.

Concerto de soul. Na cidade da Coruña, o Museo de Belas Artes celebra este día o mércores cunha xornada de portas abertas e visitas musicadas. O sábado 21, coa Noite dos Museos, haberá un horario especial de apertura, ata as 23.00 horas, ademais de obradoiros familiares, novas visitas musicadas e un concerto de soul.

O Museo do Castro de Viladonga, no concello lucense de Castro de Rei, acolle o mércores un espectáculo que combina teatro, danza e música, dirixido a escolares. O sábado haberá xogos tradicionais, música e baile.

Na provincia de Ourense, o Museo Arqueolóxico Provincial concentra a celebración nunha intensa oferta de visitas guiadas o mércores. Haberá ademais obradoiros para escolares, que terán lugar tamén no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, en San Cibrán de Las.

En Ribadavia, o Museo Etnolóxico programa diversas actividades, como obradoiros, percorridos ou intercambios culturais, coa participación de centros de ensino.

O broche porano a fin de semana a exhibición dun documental, o sábado 21, e un concerto, o domingo 22. Nesta localidade, o Museo do Viño realizará tamén un obradoiro escolar e actividades divulgativas nas súas redes sociais.

Protagonismo do medio mariño. Na cidade de Vigo, o Museo do Mar de Galicia arrincou a programación conmemorativa coa inauguración da exposición Ons soa o pasado venres. A celebración continúa o mércores, cunha xornada de portas abertas, e na fin de semana, con visitas temáticas ao acuario. Ademais, abrirase a mostra O Camiño portugués. Lembranzas de mar e pedra e haberá unha charla sobre as áreas mariñas protexidas, co caso das Illas Cíes.

O medio mariño protagoniza a actividade do Museo Massó, no concello de Bueu, que está a ofrecer ao longo de todo o mes visitas guiadas ao público que se achegue ás súas instalacións os domingos. Como peche, para a fin de semana que vén organízase o obradoiro didáctico O sal do mar, que se complementa cunha visita guiada á antiga fábrica de salga de Mourisca.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro celebra o seu día con obradoiros escolares ao longo de toda a semana.

15 may 2022 / 17:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.