Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Volve a Palabra do Ano: cal se encargará de representar a Galicia?

A Real Academia Galega pon en marcha a escolla do termo animando á cidadanía a que participe neste evento

A Coruña. A Real Academia Galega e a Fundación Barrié animan un ano máis a cidadanía a participar na elección colectiva da Palabra do Ano. Ambas as institucións abriron onte a primeira fase do proceso, centrada na recollida de propostas, a través do Portal das Palabras, o proxecto que impulsan para a difusión do léxico galego.

A Palabra do Ano trata de identificar aquilo que resuma como se viviron colectivamente os últimos doce meses ou algún aspecto que sobresaíse, para ben ou para mal, na actualidade máis próxima ou global, en ocasións a través de neoloxismos e noutras a través de termos presentes na lingua dende hai moito tempo. Poñerlle un nome ao ano que está a piques de rematar pode ser así tamén un xeito de agradecer o bo e despedirse do malo antes de darlle a benvida a unha nova etapa.

A última palabra terana as persoas que participen nesta elección popular, que constará de tres fases. A primeira delas, a de proposta de termos, permanecerá aberta ata o domingo 12 de decembro ás 23:59 horas. Posteriormente, do martes 14 ao sábado 25 de decembro, someteranse a votación telemática os termos máis significativos e máis repetidos na primeira fase. Tras as festas de Nadal, a Palabra do Ano darase a coñecer nos últimos días do 2021.

O Portal das Palabras é un proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. Algunhas palabras escollidas nestes últimos anos fóron Nós (2020) , sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado, (2015) e corrupción (2014).. ECG

26 nov 2021 / 18:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.