Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Xacobeo 2021, oportunidade de FEST Galicia para coller impulso

Os festivais profesionais de música de verán que integran esa marca contan co apoio da Xunta a través dun programa cun investimento de 400.000 euros

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, mantivo onte unha reunión de traballo cos representantes dos festivais adheridos á marca FEST Galicia co obxectivo de coñecer de primeira man a situación dos seus proxectos e abordar medidas nas que traballa a Xunta de Galicia para impulsar o sector cultural e musical, tendo en conta a proximidade do Xacobeo 2021.

Durante a sesión celebrada na Cidade da Cultura, o titular de Cultura e Turismo en funcións salientou que o obxectivo co que naceu a marca FEST Galicia de promover a Comunidade como destino musical baixo criterios de calidade, respecto ao medio ambiente e compromiso social “continúa vixente aínda que debemos adaptarnos á actual situación marcada pola crise sanitaria da covid-19”. Neste sentido, Román Rodríguez engadiu que os festivais son “un sector fundamental para Galicia e debemos seguir traballando para repoñernos e poder asumir a recuperación”.

Os festivais profesionais de música de verán que integran a marca FEST Galicia contan co apoio do Goberno galego a través do programa FEST Galicia 2020 que conta cun investimento de 400.000 euros. Esta nova proposta desenvolverá ata finais de setembro concertos e convocatorias de formato reducido para cumprir cos protocolos hixiénico-sanitarios, así como distintas accións en liña.

A prioridade é apoiar economicamente as empresas promotoras para que o próximo ano poidan regresar con edicións e carteis tan sobresaíntes como os inicialmente previstos para este ano.

FEST Galicia mantense así como marca transversal impulsada polo Goberno autonómico desde 2018 para promover un turismo musical sustentable e de calidade, liderado por festivais estratéxicos para a nosa Comunidade e que, diante da actual crise sanitaria, víronse obrigados a suspender, adiar ou modificar as súas edicións actuais.

Ademais, ante esta situación excepcional, FEST Galicia 2020 ofrécelles unha nova plataforma de difusión para seguir en contacto co seu público. Forman parte dela 13 eventos, coa incorporación do Under Fest SON Estrella Galicia de Vigo aos encontros xa adscritos a FEST Galicia nas anteriores edicións: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Cantos na Maré, Festival de la Luz, Caudal Fest e WOS Festival X Son Estrella Galicia.

Trátase dunha medida que se inclúe no Plan de reactivación para os sectores cultural e turístico fronte os efectos da covid-19 dotado con 58 millóns de euros e creado co obxectivo de garantir o mantemento do emprego e do tecido produtivo empresarial.

En total, esta folla de ruta contempla 47 medidas dentro das cales se recollen accións específicas para o sector musical e entre as que se inclúe un plan de axudas ou o impulso de programas como Directos en salas Xacobeo 2021, Cultura no Camiño e Galicia Emerxe.

Novos formatos, ocupación reducida e cambios no calendario As circunstancias obrigaron aos festivais a repensar as súas programacións apostando en moitos casos por artistas galegos, a reformular a produción dos seus eventos e, en moitos casos, a modificar os seus calendarios habituais.

Ata o momento celebráronse Vive Nigrán 2020 Picnic-Club Edition, encargado de inaugurar a temporada FEST Galicia os pasados 17 e 18 de xullo; Sinsal Litoral SON Estrella Galicia, que ofreceu a semana pasada unha carteleira e cinco días; e os festivais 17º Ribeira Sacra e MicroSonRías Baixas, que celebran esta fin de semana edicións especiais en formato reducido.

Entre outras propostas futuras, a mediados de agosto desenvolverase o Atlantic Fest/Fest Galicia Xacobeo 2021 cun concerto sorpresa que se traducirá en pezas audiovisuais para difundir a través das redes sociais.,

31 jul 2020 / 20:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito