Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
sons. Ao ritmo das ‘Ondas do Mar de Vigo’ comezou a undécima edición desta actuación especial, iniciativa organizada polo Consello da Cultura con LauraLaMontagne e PicoAmperio

Xela Arias feita música, luce no Concerto das Letras Galegas

Ao ritmo das Ondas do Mar de Vigo comezou a undécima edición do Concerto das Letras Galegas, iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG). LauraLaMontagne e PicoAmperio partiron onte do seu repertorio habitual, adaptación da lírica medieval a ritmo de hip hop, para dar paso a unha fusión poético musical cos textos da protagonista do Día das Letras Galegas: Xela Arias.

O concerto esgotou as súas entradas e contou coa presenza de numerosas autoridades como a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o Alcalde de Vigo, Abel Caballero e outras figuras do mundo da sociedade e da cultura. O concerto retransmitiuse desde o web do CCG e o da Crtvg, e poderá verse na G2 hxe mesmo.

A cita recreou unha atmosfera singular, de ambiente de hip hop que dialogou coa esencia da figura homenaxeada. Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega, lembrou no único discurso desta cita que “preparamos un concerto ao que pensamos lle gustaría ir á propia Xela”.

Ademais, expresou que “está especialmente dedicado á xente nova. A esa mocidade que fixo un esforzo cotiá de disciplina, día a día, mes a mes desde o inicio da pandemia” nunha chiscadela clara á aposta da institución polos novos creadores e creadoras que participaron na programación deseñada polo CCG para o Día das Letras Galegas.

O repertorio partiu do repertorio habitual con Avelaneiras Frolidash, Atalaia, Banharemonos nas Ondas, Porque no Mundo Mengou a Verdade ou a súa coñecida versión da Senhora do Almortâo coa que foron subindo a atmosfera ata chegar á parte central, onde mesturaron o seus sons cos versos da poeta Xela Arias a modo de collage.

Denuncia do Equilibrio e Tigres coma Cabalos son os poemarios dos que se nutreu esta parte central que ofreceu un efectista xogo de luces e videocreacións deseñadas por Borja Bernárdez e Raul Silva, que contribuíron a trasladar o universo simbólico de Xela Arias. Unha proposta que reivindicou a ritmo de música a contemporaneidade das letras da autora de Intempériom.

Onte foi a primeira vez que o Concerto tiña lugar en Vigo. Ata alí se desprazou boa parte da familia de Xela Arias; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o secretario xeral de política lingüística, Valentín García; a presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias; así como a comisión executiva do CCG e outras figuras representativas da sociedade e da cultura galega. As entradas esgotáronse con máis dunha semana de antelación e encheuse dentro das medidas de seguridade marcadas pola crise sanitaria. O Concerto comezou en Santiago nunha edición que recuperaba a figura de Lois Pereiro. Volveu a esta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Na cidade de Pontevedra celebráronse tres edicións, para lembrar a Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde e María Victoria Moreno. O concerto estivo en Lugo, no ano 2014 lembrando a Díaz Castro; na Coruña no ano 2016 honrando a Manuel María; e un ano despois foi a Ourense coa figura de Carlos Casares. Este ano tivo unha segunda edición en Santiago. A décima íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago.

17 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito