Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 27 octubre 2021
10:04
h

Xela Arias: “O meu compromiso comigo está en escribir desde min”

A RAG publica o artigo presentado en 1991 na mesa sobre mulleres e literatura do ‘Encontro de escritores’

A Real Academia Galega publicou onte en edición dixital o artigo sobre mulleres e literatura que Xela Arias (1962-2003) presentou no Encontro de Escritores Galegos e Portugueses, celebrado en Santiago de Compostela en setembro de 1991.

A escritora referiíase neste texto á escrita como un acto de liberdade que exercía sen pensar en que era unha muller, como tampouco pensaba ao sentar diante dun papel que era miope e galega. “Pero tamén sei que só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega”, reflexionaba. A protagonista do Día das Letras Galegas 2021 criticou ademais a recepción nesgada que sufriu como autora polo feito de ser ela muller. Entrementres, escritores “pretendidamente feministas” seguían a facer “poemas amatorios onde eles son o lobo e elas as estáticas, inútiles e estúpidas carapuchiñas desexantes de sempre”.

“Tres décadas despois, o panorama que describe Xela Arias neste texto mudou. Pero aínda queda camiño por percorrer, e hai que darlle as grazas a ela por nos axudar a percorrelo”, valora a académica Marilar Aleixandre. O artigo da escritora, tradutora, editora e docente á que a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas fora publicado por Camiño Noia tras o seu pasamento no libro colectivo de homenaxe Xela Arias, quedas e nós (2004). A catedrática emérita da Universidade de Vigo gardara durante anos as follas que a propia Xela Arias lle entregara tras a mesa que compartiran no Auditorio de Galicia, o que permitiu conservar esta achega agora dispoñible en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.

Cando Xela Arias presentou este traballo no devandito congreso, fíxoo no marco dunha mesa sobre mulleres e literatura, tras a celebración en días anteriores de dúas xornadas sobre poesía e narrativa sen voces femininas. A autora criticou entón o que ilustra este feito e insistía en que para ela a escrita era “un acto de liberdade” que non asumía pensando na súa condición de muller. Mais Xela Arias recoñecía deseguido que o feito de ser muller e consciente da desigualdade de xénero está irremediablemente presente na súa ollada: “O meu compromiso comigo está en escribir desde min. E eu son muller, miope e galega. Só cando esqueza iso deixarei de ser fiel ó feito das mulleres, das miopes e das galegas”.

“Escribir é un acto de liberdade e moitas veces preténdese falar de cousas universais. Pero tamén é certo, como Xela Arias apunta, que escribimos dende a nosa experiencia de mulleres”, coincide Marilar Aleixandre. “E ao facelo invadimos o territorio masculino da escrita e abrimos outros novos onde eles non entraran. Xela Arias é un bo exemplo: aí temos Darío a diario (1996), onde fala da experiencia física do embarazo, do parto, da relación entre nai e fillo; e outras obras nas que fala da sensualidade, do amor ou da vida doméstica tamén desde a experiencia de muller”, expón a académica. No artigo aparecen ademais –engade– a “ledicia, a rebeldía e a liberdade que están presentes na súa poesía”.

08 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.