Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Xornadas sobre o exilio galego na Illa de San Simón no mes de xuño

Pablo García Martínez coordina un ciclo no que participarán Núñez Seixas e Ramón Villares

Pontevedra. A Illa de San Simón, no municipio pontevedrés de Redondela, acollerá os días 16 e 17 de xuño próximos unhas xornadas centradas no exilio galego, nas cales participarán destacados historiadores como Ramón Villares e Xosé M. Núñez Seixas, entre outros expertos.

Estas conferencias, que foron convocadas baixo o nome de Legados dende a dislocación. Intervencións non presente e imaxinación do futuro nos exilios da Guerra Civil, están organizadas polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela.

Así mesmo, da súa coordinación encárgase o investigador da Universidade de Santiago de Compostela Pablo García Martínez.

Será un encontro no que reuniranse especialistas no estudo do exilio galego provocado como consecuencia do estalido da Guerra Civil en España, e que realizan o seu traballo investigador desde diferentes puntos da xeografía galega, estatal e estranxeira.

Neste sentido, cabe destacar que nas xornadas haberá tres grandes eixos , que xirarán en torno a inserción dos exiliados nas sociedades de acollida mediante varias formas de militancia, en torno aos legados culturais que deixaron detrás de si e sobre os diferentes futuros que imaxinaron desde os contextos adversos que viviron.

Con motivo da celebración das Letras Galegas deste ano en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, aproveitarase tamén a ocasión para falar de diversos aspectos relacionados coa súa actividade desenvolvida no seu desterro en terras mexicanas.

As xornadas iniciaranse o día 16 de xuño. Ás 11.00 horas, comezarán coa charla Exilio e transición democrática. Unha perspectiva galeuzcana, a cargo de Ramón Villares.

Pola súa banda, o peche do 17 de xuño, a partir das 19.00 horas, correrá a cargo de Xosé M. Núñez Seixas, quen ofrecerá a súa intervención baixo o título Os exilios republicanos no mapa do antifascismo do século XX.

Nutrido grupo de relatores. Entre outros relatores, estarán Manuel Aznar Soler (Universitat Autònoma de Barcelona), Bárbara Ortuño (Universitat d’Alacant), Giulia Quaggio (Universidade Complutense de Madrid), Manuel Artime (UNED), Mari Paz Balibrea (Universidade de Londres), Jorge de Hoyos Puente (UNED), Teresa López (Universidade da Coruña) e Eva Moreda (Universidade de Glasgow).

O propio coordinador das xornadas, Pablo García Martínez, tamén intervirá nas xornadas para analizar a figura de Luís Seoane e o Laboratorio de Formas de Galicia.

Haberá ademais un concerto a cargo do guitarrista Samuel Diz, que interpretará pezas de compositores exiliados pola Guerra Civil.

A inscrición é gratuíta, pero con prazas limitadas por orde de solicitude. e.p.

15 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito