Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Xosé Cermeño: “Tiven a sorte de traballar con moitas persoas sabias, valentes e xenerosas”

Están recentes as eleccións autonómicas con maioría absoluta e caras novas. Considera que para mellor? En que medida influirá este resultado nas nosas vidas?

As pasadas eleccións foron as do éxito do sentido común fronte ao baleiro, por moi solemne que fora a proclamación do baleiro. Por iso tiveron éxito don Alberto e dona Ana. As maiorías absolutas teñen vantaxes, entre elas a estabilidade e a coherencia dos proxectos. E tamén creo que, por ter unha maioría clara, podemos reclamarlle mais actividade e máis iniciativa ao Goberno. Pídolle presenza, entusiasmo e proxectos. Para calquera Goberno, de calquera color, os meus recordatorios serían os mesmos: necesitamos impulsar a agricultura e incorporar valor engadido a todo o noso sector primario, mellorar a calidade das augas dos ríos e do mar, promover a natalidade mediante o emprego e a vivenda, ter plans xeriátricos acordes coa realidade demográfica, mellorar o tren ◘–agora mesmo, nin sequera funciona a miserenta conexión ferroviaria con Portugal– , esquecer “a cantidade” de visitantes como principal criterio do éxito turístico, poñer orde –é dicir, funcionalidade e beleza– no urbanismo, soterrar os cables en cidades e aldeas (unha desfeita que causa asombro a calquera vasco ou asturiano), mirar un pouco aos veciños portugueses para sabermos por que crece a súa economía e diminúe o seu paro...

Aínda colean os amargos estertores do coronavirus. Que debemos facer?

Primeiro, coidarnos a nós mesmos e coidar aos demais arredor de nós. E cada vez que vemos novos agoiros, teorías, e predicións deberiamos reclamar que se explique cal é a base científica dos mesmos e cales son os datos que os avalan. Polo demais, lembro a frase de Montaigne: “Non hai nada ao que lle teña tanto medo como ao medo”.

Practicou o teletraballo? Con que resultados? Considera que chegou para quedar?

Como case todos os que traballamos nos medios de comunicación, hai moitos anos que uso a conexión de internet para enviar e intercambiar textos, proxectos , guións e imaxes. Non foi unha novidade.

Cambiarán moito as súas vacacións? Onde as gozou no pasado e que fará este verán?

Non dou demasiado valor á idea de “vacacións”: pásoo moi ben
co meu traballo diario e non teño nunca a urxente necesidade de deixar de traballar. Pero farei algunha viaxe, con permiso do virus.
Que se pode facer nun mundo tan desigual con millóns de persoas desnutridas, desprazadas, enfermas e sen recursos tras a pandemia?

Reactivar a economía, axudar ao desenvolvemento nos países e rexións mais afectados, impulsar a democracia, o coñecemento, a xusta redistribución dos bens materiais e inmateriais, loitar contra a corrupción e a cobiza...

“Liberdade, igualdade, fraternidade” segue ser o mellor programa político e económico do mundo, 230 anos despois de ser enunciado por primeira vez.

Para quen o seu aplauso nestes meses negros?

Todo o mundo lembra (e ben está que así sexa) o labor de médicos e sanitarios, pero quero sinalar o traballo imprescindible dos tendeiros e dos empregados dos supermercados. As miñas heroinas son Julia, Lourdes e os seus compañeiros do Froiz e do Gadis. Persoas que –xunto cos que apañan as patacas, pescan as sardiñas e muxen as vacas– fixeron posible que a vida continuara. Con máis risco e menos louvanzas ca outros.

O uso das máscaras levanta polémica en certos ámbitos. Parécelle que as medidas adoptadas son as máis convenientes para “salvarnos” do virus?

Non importa cal sexa o meu parecer. So importa unha cousa: que din as evidencias médicas e científicas? que din os datos? Pois iso será o que toque facer. A abundancia de hipóteses e desmentidos, de ordes e contraordes son mostra da escasa mentalidade científica coa que nos movemos. E iso inclúe a algún epidemiólogo que fala como se botara o tarot.

Teme que as consecuencias económicas poidan variar substancialmente a nosa existencia?

A curto prazo é evidente que xa están cambiando as nosas vidas. Pero teño confianza na recuperación.

Cre que, como indica unha enquisa, os mozos de hoxe vivirán peor que seus pais?

A que chamamos vivir mellor ou peor? Os pais e os avós de moitos mozos de hoxe coñeceron unha ditadura e unha Galicia sen infraestruturas, sen autonomía, sen dereitos políticos , nin lingüísticos, nin igualdade legal entre homes e mulleres. Unha Galicia apartada do desenvolvemento tecnolóxico e instalada no desprezo polas xentes do campo, cunha emigración empurrada pola necesidade. Para os mozos de hoxe será necesario traballar duro, pero vivir peor, a verdade, é outra cousa.

En que orde de preferencia situaría familia, profesión, estudo, relevancia social ou amigos?

Os afectos son básicos, e iso inclúe a familia e os amigos. O traballo proporciónanos un lugar no mundo e unha chave para melloralo, aínda que sexa nunha medida moi modesta. Ter saúde é fundamental para que os afectos, o traballo e todo o demais sexan fontes de alegría.

Dentro das súas responsabilidades profesionais, en que proxecto está centrado agora?

Estou escribindo, estudando, pescando e cociñando. Hoxe toca bonito de Burela con tomate.

Algunha persoa tivo influencia en momentos clave da súa vida? Cal é o mellor consello que recibiu e de quen?

Moitas. Tiven a fortuna de traballar con moitas persoas sabias, valentes e xenerosas. A primeira que me ven á cabeza é meu pai, que sempre me aconsellou facerme funcionario, ainda que nunca lle fixen caso.

25 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito