Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Xulia Marqués divulga os topónimos de Pontenova na colección Terra Nomeada

A Real Academia Galega edita un novo traballo da filóloga sobre os nomes de lugar da Mariña Oriental, dispoñible xa na súa web

Cal é a orixe e o posible significado dos nomes das once parroquias e un total de 102 entidades de poboación do concello lugués da Pontenova? A filóloga Xulia Marqués Valea dá resposta a estas preguntas no número 7 da colección Terra Nomeada da Real Academia Galega, promovida polo Seminario de Onomástica da institución en colaboración coa Asociación Galega de Onomástica. O libro pode descargarse de balde en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.

Xulia Marqués Valea é doutora especialista en toponimia con ampla experiencia en estudos etimolóxicos, recollida de campo e didáctica da onomástica.

O volume que lle dedica á Pontenova —publicado co apoio da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación— é a súa segunda achega á colección Terra Nomeada, á que xa contribuíra coa centrada noutro municipio da comarca da Mariña Oriental, Trabada, o seu concello natal, que precisamente limita ao norte coa localidade de Pontenova.

Ademais de recoller todas as entidades de poboación da Pontenova tal como figurarán na vindeira edición do Nomenclátor de Galicia, a investigadora engadiu dúas entradas correspondentes a accidentes xeográficos importantes deste territorio, en concreto o río Eo e a serra do Pousadoiro, e unha terceira, Miranda, por ser o antigo topónimo que lle deu nome ao Concello (de Miranda), á xurisdición Miranda ou ás Terras de Miranda e mesmo ao río Eo, coñecido tamén como río de Miranda.

Topónimos únicos. Algúns dos topónimos analizados son únicos en toda a comunidade autónoma. É o caso de formas como Neipín, O Puiteiro ou Brandiz.

Esta última, que dá nome a un lugar da parroquia de Conforto, está emparentada coa galega e portuguesa Brandariz, non ofrece moitas dúbidas sobre a súa orixe, probablemente un nome de persoa de orixe xermánica. “Procedería do xenitivo do nome de orixe xermánica Brandaricus (Brandarici > Brandriz > Brandiz)”, explica a autora ao respecto.

Para Neipín, lugar da parroquia de Vilaboa, non hai polo momento unha hipótese etimolóxica definitiva, pero Xulia Marqués Valea formula dúas vías interpretativas, unha baseada tamén na antroponimia e outra na orografía desta zona de Galicia.

Na primeira, Neipín derivaría dun hipotético nome persoal de procedencia latina *Naepinus. “En latín existía Naevio, Naevos e Naev-inus; ademais, Naepor, a partir do que se puido formar *Naep-inus, hipocorístico”, propón.

Para o suposto inspirado nas características do terreo, a filóloga recorda que Aníbal Otero incluíra entre o vocabulario de San Xurxo de Piquín a voz neipín v. aneipar acoller. “Neipín podería referirse, á vista disto, a un lugar que acolle e, seguindo esta liña argumentativa, a un sitio protexido, abrigado”, suxire.

O Puiteiro é outro topónimo de orixe descoñecida, aínda que parece conter o substantivo outeiro. “Posiblemente estea emparentado co apelativo piouteiro que figura entre o léxico do galego de Asturias co significado ‘lugar máis alto con respecto aos terreos que están arredor”, detalla a filóloga ao respecto.

Entre os topónimos transparentes figura o que lle dá nome ao concello, A Pontenova. O núcleo nominal ponte procede do latín pǒnte ponte e o adxectivo nova do cualificativo feminino nǒva nova.

No plano semántico, é indicio dunha infraestrutura primitiva da que se descoñece se foi de fábrica medieval ou moderna, se chegou a ter valor patrimonial ou histórico ou se a súa localización coincidiu ou non con esa ponte nova, cuxo primeiro dato documental claro e seguro é do ano 1645. “A esa altura, os veciños de Conforto e Viloudriz mantiñan un litixio cos de Vilaméa Sobre el adreço y fábrica de la puente del río de Miranda que llaman Puente Nueba”, concreta a partir de fontes dispoñibles na Biblioteca Dixital de Galicia.

07 ene 2022 / 17:36
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.