El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Vida social

VIPS DE GALICIA

Marisol López Martínez

11.05.2008 
A- A+

Todos os días do ano deberían ser, para nós, días das letras galegas, e non só o vindeiro sábado, xornada dezasete do mes que andamos, que é cando se celebra oficialmente o Día das Letras Galegas, esta vez dedicado pola Real Academia Galega ó poeta, editor e polígrafo tudense Xosé María Álvarez Blázquez.

Así o subliña a secretaria xeral de Política Lingüística, que considera que todos os galegos deberiamos ser moi conscientes de que somos uns afortunados por posuír unha lingua propia, unha lingua nosa, ademais de poder comunicarnos na común que se fala en todo o Estado.

Sobre a situación que atravesa o idioma galego, a máxima responsable deste departamento da Xunta de Galicia sinala que cómpre transmitir confianza e optimismo, sen deixar de ter en conta que sempre haberá moito que facer para lograr unha maior presenza da lingua en máis ámbitos da sociedade actual. Recoñece que o galego está presente hoxe en ambientes nos que hai anos era impensable e coida que deberiamos ser moi conscientes todos do valor que supón posuír unha lingua propia. A mellor maneira de defendela –di- é usándoa, empregándoa acotío para a comunicación.

Profesora titular de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, Marisol López Martínez naceu na aldea de Sobrado, parroquia de San Pedro de Poulo, no concello ourensán de Gomesende. Os seus primeiros anos só falou galego.

Daquela época lémbrase da súa primeira mestra, que se chamaba Irene. Aínda que de onde ten máis lembranzas é da súa etapa coas franciscanas de Ribadavia, onde estivo interna ata o cuarto curso de Bacharelato. Logo trasladouse a Vigo para estudar quinto, sexto e o COU no antigo Instituto Feminino das Travesas. E foi tamén na cidade olívica, no seu Colexio Universitario, onde empezou a carreira de Filoloxía Hispánica, que remataría na Universidade compostelá, na que cursou os dous últimos anos.

Non tardou en atopar traballo como docente, no seu caso no Colexio Universitario de Lugo, onde se fixo profesora titular de Universidade. Alí estivo ata o ano noventa e cinco, que foi cando regresou a Santiago de Compostela.

E na Universidade estaba, precisamente, cando Emilio Pérez Touriño lle encomendou dirixir a política lingüística da Comunidade Autónoma de Galicia. O presidente –di a profesora López Martínez– avoga por unha lingua galega forte e non quere un país monolingüe, senón unha sociedade do noso tempo, que, ademais do galego e o castelán, fale outros idiomas.

Sobre os problemas do cargo, considera a secretaria xeral de Política Lingüística que os temas relacionados coa lingua sempre son duros e delicados, ainda que quizais non máis que outros asuntos dos demais ámbitos da Administración autonómica.

Ela, en todo caso –e isto é moi importante- cre no que fai, ten unha fe absoluta no traballo que está a levar a cabo a prol da lingua galega e ten moi claro que posuír un idioma propio é unha riqueza para un país.

De nós depende que dure mil primaveras máis.

Para gustos

ARTES Y LETRAS
Canción: ‘Blowin in the wind’, de Bob Dylan.
Disco: ‘L’estaca’, de Llach.
Película: “Novecento”, de Bernardo Bertolucci.
Libro: ‘Memorias de Adriano’, de Yourcenar.

GASTRONOMíA
Viño: Mencía.
Queixo: San Simón.
Prato: A tortilla de patacas.
Restaurante: Casa Quintela, de Bueu, e El Mercadito, de Santiago.

LECER
Automóbil: Ford.
Deporte: O tenis.
Televisión: Documentais e series.
Radio: Noticias.
Hobbie: A lectura, escoitar música e pasear pola miña aldea.

LUGARES
Para vivir: Compostela.
Para veranear: Bueu.
Cidade: París.

NOMES PROPIOS
Político: Federica Montseny, polo que significou.
Deportista: Álvaro Pino.
Escritor: Manolo Rivas.
Modisto: Charo Froján, de d-dúe.

ESTACIÓN
O outono, polas cores que ofrece a natureza en Galicia.

FRASE OU REFRÁN
A lingua é un dos nosos maiores tesouros, que todos debemos coidar.