El Correo Gallego

Noticia 160 de 392 noticia anterior de Hoy es noticia Vídeos » Hoy es noticia

Camiñando en verde polo Alzheimer

A Asociación Agadea culmina unha peregrinación para visibilizar as enfermidades que teñen que ver coa demencia // Ían uniformados con camisetas e pulseiras verdes, que repartiron pola ruta portuguesa

SILVIA CASTIÑEIRAS. CORREOTV  | 21.08.2018 
A- A+

Xente de California, de Xapón ou de Alemaña cunha pulseira verde que reza “Camiñando polo Alzheimer”. Esa é a maxia do Camiño, o lonxe que pode facer chegar unha idea, e así o entenderon en Agadea, a Asociación Galega de Axuda a Enfermos con Demencias tipo Alzheimer, con sede en Santiago. A entidade puxo en marcha unha peregrinación moi especial para visibilizar esta doenza, que partiu o pasado día 14 de Tui e acaba de rematar na Praza do Obradoiro.

A iniciativa foi cousa de Toña Garabal e da súa irmá, ás que non dubidou en sumarse axiña a presidenta de Agadea, Isabel Gey. Equipadas cunhas camisetas verdes co lema “Camiñando polo Alzheimer”, puxeron pé en Tui para iniciar unha ruta, a portuguesa, que lles deixou unha gratificante e emocionante experiencia.

Aínda que algunhas etapas se fixeron duras, sobre todo, segundo nos contan, a de Porriño-Arcade, o camiño mereceu a pena pola xente que se atoparon ao seu paso. E é que moitos deses peregrinos acabaron formando parte desa marea verde.

Toña, Isabel e compañía finalizan a experiencia satisfeitas coa acollida que recibiron na súa camiñata e móstranse emocionadas pola cantidade de historias que lles relataron outros camiñantes, experiencias persoais como coidadores de persoas con Alzheimer. Agora as pulseiras verdes que fixeron con motivo da súa peregrinación van da man de moitos compañeiros de viaxe e de historias a moi diversas partes do mundo.