A Estrada, Lalín e Silleda son os concellos máis beneficiados polas diferentes liñas do organismo // Carmela Silva di ter todo preparado para que 2022 “sexa o ano da recuperación da provincia co Plan de Concellos bianual” TEXTO María Rendueles

A Deputación investiu oitenta millóns en Deza e Tabeirós en seis anos

Inversiones
María Rendueles
Carmela Silva na sua intervención en Silleda

O investimento provincial alcanzou os 80.674.620 euros nas comarcas de Deza e Tabeirós nos últimos seis anos. Así o afirmou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que este luns rendeu contas en Silleda da distribución do diñeiro desde que colleu as rendas da institución. “Un esforzo como nunca se fixo e que supón o maior investimento nestas comarcas e en cada un dos seus concellos na historia da Deputación”, dixo Silva. A mandataria recalcou que “os recursos públicos non son nin de Carmela Silva, nin de Feijóo, senón da xente”, e explicou que a Deputación pode presentarse no Deza e Tabeirós-Terra de Montes para subliñar que todos os concellos recibiron financiamento regrado e obxectivo: A Estrada, 15,1 millóns de euros; Lalín, 14,7 millóns; Silleda, 11,3; Vila de Cruces, 6,2; Agolada, 5,5; Rodeiro, 5,6; Dozón, 3,8; e Forcarei, 5,9 millóns.

Dos case 81 millóns investidos, máis de 39 chegaron a través do Plan de Concellos, que financiou 287 obras e 157 actividades socioculturais e que creou 790 empregos temporais para “manter a flote” servizos municipais e paliar os recortes impulsados polas “leis Montoro”.

A presidenta afirmou que “na Estrada non hai vía rural ou urbana que non fora financiada pola Deputación (case 4,4 millóns de euros en pavimentos de vías), ademais da modernización dos equipos para a recollida de lixo (máis de 685.000 euros)”. En Lalín citou a Ronda Norte, con 502.000 euros, e os 428.854 euros para pavimentacións deste ano. En Silleda detívose nos 605.000 euros que este ano achegan para pavimentacións, o acondicionamento das Pedrosas (200.000 euros) ou a rede de calor con biomasa (163.317 euros). En canto a Vila de Cruces, referiuse aos máis de 1,2 millóns investidos en camiños e os 471.000 euros de pavimentacións deste ano.

Pola súa banda, os plans extraordinarios da Deputación supuxeron a achega de 2.456.826 € para financiar 5 grandes obras. No Plan DepoRemse (mellora de espazos municipais para garantir a seguridade viaria) entraron Silleda (448.552 € para a contorna do centro de saúde e centro de maiores) e Vila de Cruces (435.835 € para a contorna do CEIP, gardería e pavillón). No Plan de Reequilibrio para dotacións municipais puntuaron Silleda (segunda fase da reforma do campo de fútbol de Bandeira, con 706.137 €). Finalmente, co Plan Ágora de recuperación de espazo público municipal finánciase o proxecto da Praza da Feira e da rúa Ulla na Estrada con 100.000 euros en fase de licitación.

En canto ao investimento no último sexenio na rede de estradas de Deza e Terra de Montes rozou os 13 millóns. Un total de 35 proxectos, en execución ou en trámite, permitiron mellorar os case 474 quilómetros repartidos polas 84 estradas provinciais destas comarcas. Silva puxo os exemplos das vías Silleda-Ponte, Callobre-Ponte Ledesma, Castro-Dozón, Cachafeiro-Silleda, Soutolongo-Doade ou Agolada-Cruces.

As achegas dos diferentes servizos provinciais nestes 6 anos totalizan 10,5 millóns, entre os que Carmela Silva destacou os 435.000 euros achegados nas 414 subvencións xestionadas por Igualdade. Na área de Turismo, cun investimento de 1,5 millóns, puxo fin ao modelo único de sol e praia e apostou tamén por un turismo sostible de interior.

Finalmente, ademais de integrar na rede InfoRías Baixas as oficinas de Silleda e A Estrada apostouse pola Rapa das Bestas e pola Feira do Cocido, e por patrimonio e paisaxe con produtos como a ruta dos mosteiros (Carboeiro e Aciveiro).