É unha das catorce propostas adxudicatarias da primeira convocatoria do fondo co que a Xunta busca impulsar proxectos que dinamicen as zonas non urbanas // O antigo apeadoiro de Santa Cruz vai acoller un ciclo de cinco festivais TEXTO C. Estévez

A estación de Vedra revitaliza o rural con actividades culturais

Cultura
Claudina Estévez
Román Rodríguez e Carlos Martínez durante a presentación do proxecto A estación cultural en Santa Cruz de Ribadulla. Foto: X.G.

A antiga estación de tren de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra, foi este luns o escenario da presentación do proxecto A estación cultural, apoiado pola Xunta a través do programa Territorio Cultura para ampliar e diversificar a oferta neste eido no ámbito rural. Ata alí desprazouse o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.

Dende o Goberno galego lembraron que a proposta do Concello vedrés é unha das 14 primeiras adxudicatarias deste fondo, que conta cunha dotación de 1,25 millóns de euros para impulsar iniciativas tanto públicas como privadas encamiñadas á dinamización de zonas non urbanas. O conselleiro e o alcalde de Vedra, Carlos Martínez , avanzaron as principais accións arredor das que se articula A estación cultural no transcurso dun acto ao que tamén asistiu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, ademais dunha representación de agrupacións e asociacións culturais da zona e dos artistas que participarán na programación de dito proxecto, como Sheila Patricia ou Os da Porfía.

Román Rodríguez lembrou que o Consello da Xunta aprobou a semana pasada a segunda convocatoria deste fondo cunha nova achega de 660.986 euros que, sumados á dotación da primeira fase xa resolta en setembro, supoñen unha contía total de preto de 1.256.000 euros para este programa, inserido á súa vez no plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU.

“Seguimos así contribuíndo a ampliar a actividade cultural no rural galego e a subliñar a importancia da cultura como motor de cambio, dinamización e transformación social”, engadiu. A través da primeira convocatoria de Territorio Cultura, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a cofinanciar 14 propostas cunha ampla variedade de iniciativas de creación, investigación, difusión e formación en cinema, música, artes escénicas, literatura ou artes plásticas, entre outros ámbitos, que se levan a cabo en diferentes núcleos rurais de preto de 40 municipios.

En referencia ao novo proxecto do Concello de Vedra, que dotará dunha nova identidade cultural e visual o espazo da antiga estación, destacou o feito de que se apoie na innovación, a inclusión e a diversidade creativa, na procura de converterse nun lugar de referencia non só para a veciñanza do municipio, senón tamén para toda a comarca.

CONCERTOS. A nave da estación acollerá entre novembro e marzo cinco festivais de temáticas diferentes, pero transversais en canto ao obxectivo de divulgar e xerar pertenza co espazo. Baixo o título de Cultura na nave, o ciclo dará comezo os días 19 e 20 deste mes cos concertos de Sheila Patricia e de diferentes corais da zona, así como cunha exposición, unha ruta patrimonial e un programa de radio sobre a memoria colectiva vedresa. Xa en decembro, os días 3 e 4 organizaranse unha serie de actividades no marco da Feira de Artesanía. O conselleiro visitou o vagón que albergará o estudio de radio e podcasting e a Casa da Estación, onde está o laboratorio de ideas e innovación cultural.