“Sempre en Galicia”, realizado por emigrantes en Montevideo (Uruguai), lévase este ano un dos galardóns de Normalización Lingüística San Martiño // Os outros dous recoñecementos son para o catedrático Bértolo e o colectivo Rompente TEXTO S. Elvira

A Estrada premia o programa de radio máis lonxevo feito en galego

Normalización lingüística
S. E.
bibli0tecas. O secretario xeral de Política Lingüística, entregando a un voluntario do García Barros de A Estrada o seu diploma. Foto: X. G.

Un catedrático e investigador, José Manuel Bértolo; o colectivo poético Rompente e o programa radiofónico máis lonxevo en lingua galega, Sempre en Galicia, levánse este ano os premios de Normalización Lingüística San Martiño. O xurado fallou os galardóns, que este ano celebran a súa trixésima edición, na xuntanza que mantivo na sala de xuntas do Concello de A Estrada.

O fallo do xurado do certame abrangue as tres categorías contempladas no premio. A primeira categoría seleccionada a da defensa do idioma na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. O premio foi parar as mans de José Manuel Bértolo Ballesteros Torres, catedrático de grego e investigador de temas de xenealoxía e heráldica.

Bértolo é autor de libros como Pazos e casas fidalgas do Concello da Estrada, ou Fidalguía e heráldica de Terra de Montes, e de artigos en revistas como o Boletín de Estudios de Genealogía, Heráldica y Nobiliaria de Galicia ou A Estrada. Miscelánea Histórica e cultural. Tamén é un asiduo colaborador en prensa, algo que lle outorgou o Premio de xornalismo Reimóndez Portela.

CONTESTATARIOS No apartado de Galicia enteira, o premio San Martiño recaeu no colectivo poético Rompente. Baixo este nome agóchase un colectivo de autores de esprito contestatario e politicamente incorrecto que, comandado por Alberto Avendaño, Manolo Romón e Antón Reixa, apostou por levar a poesía á rúa xa nos anos setenta, nunha proposta de vangarda que revolucionou o xénero e entroncou coa movida urbana do país, iniciando a moitos mozos e mozas na lectura da poesía en galego. Recentemente, regresaron á escena literaria cun libro titulado Que hostia din os rumorosos? que contén poemas dos tres autores citados.

Finalmente o premio Toda unha vida foi para o programa radiofónico en lingua galega máis lonxevo. Titulado Sempre en Galicia, o programa foi creado en 1950 en Montevideo (Uruguai) da man de emigrantes galegos coma Alfredo Somoza, Manuel Meilán, Lois Tobío, Antón Crestar, Pedro Couceiro, Xesús Canabal, Emilio Pita e Manuel Leiras. O programa vén sendo, ao longo de seis décadas, o nexo de unión entre a Galicia interior e exterior, coa lingua e a cultura galegas coma elementos referenciais, segundo consta no propio fallo.

Lembrar que os Premios San Martiño de Normalización Lingüística son uns premios convocados anualmente pola Asociación Cultural O Brado da Estrada, co apoio e patrocinio do Concello estradense e a Secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta para premiar a persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego.

ENTREGA. O acto de entrega da 30 edición dos premios San Martiño de Normalización Lingüística terá lugar nun acto público durante a segunda semana do vindeiro mes de novembro no Teatro Principal da Estrada, e contará coa presencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que precisamente este xoves visitou o concello pontevedrés para entregar diplomas aos voluntarios das bibliotecas dos centros escolares.