Trenor anunciou que se levarán a cabo obras de reforzo do firme na AC-550 entre ambos términos // A actuación incluirá a execución dun cambio de sentido e a creación dun carril central de espera // Incrementan a seguridade TEXTO María Cano

A estrada que une Noia e Ribeira recibe unha inxección de 2,6 M€

Infraestruturas
María Cano
Pola dereita, Sampedro, Trenor, Freire e Oujo na presentación da nova actuación nos concellos de Porto do Son, Ribeira e Noia. Foto: Xunta de Galicia

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou este venres un investimento de 2,6 millóns de euros para levar a cabo obras de reforzo do firme na AC-550. Fíxoo durante un encontro mantido cos rexedores de Noia, Santiago Freire Abeijón, e Porto do Son, Luis Oujo Pouso, e coa tenente alcalde de Ribeira, María José Sampedro.

O obxecto desta importante actuación é a mellora de dita estrada no treito que une os termos noiés e ribeirense pasando polo sonense, entre os puntos quilométricos 69+500 e 107+850, onde tamén se proxecta a execución dun cambio de sentido e un carril central de espera.

Gonzalo Trenor destacou que as obras que se licitan “suporán unha maior seguridade e comodidade aos usuarios que circulan por esta vía, moi frecuentada, especialmente na tempada de verán”. Estas obras, ademais, “facilitarán a mobilidade aos habitantes dos tres municipios onde se realizarán as actuacións”, dixo.

Segundo sinalou o delegado, os traballos que se van realizar están encamiñados á reparación, rehabilitación e reforzo superficial do firme, adecuándoo ás súas necesidades funcionais e de durabilidade.

Ademais, este contrato recolle dúas actuacións adicionais: un cambio de sentido no punto quilométrico 88+500 e a formación dun carril central de espera para o xiro á esquerda no 92+500, para o que será necesario ensanchar a estrada AC-550 cara á súa marxe esquerda.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou este venres o anuncio da licitación deste contrato, cun investimento de 2,6 millóns. As empresas interesadas na execución das obras teñen ata o vindeiro 8 de xullo para presentar as súas ofertas. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.

Estas obras están incluídas no Plan de Reforzos de Firme que está a desenvolver o Goberno galego desde o convencemento de que priorizar a conservación das estradas autonómicas e investir na súa mellora é “velar pola seguridade dos cidadáns e mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os galegos”, subliñou Gonzalo Trenor.

Nestes momentos a Xunta “ten comprometidos máis de 8 millóns de euros no ámbito das infraestruturas para mellorar a calidade de vida dos veciños de Noia, Lousame, Outes, Ribeira e O Son”, concluíu.