A Festa da Pataca será de interese turístico galego

Festa de Interese Turístico
M. Outeiro
Carroza nunha anterior Festa da Pataca de Coristanco. Foto: CG

Coristanco. O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto do acordo polo que se declara festa de interese turístico de Galicia a Festa da Pataca do Concello de Coristanco, que se celebra anualmente cada terceiro domingo de setembro.

Unha vez examinada a solicitude presentada pola administración local, e logo dos trámites preceptivos e a aprobación do Consello Galego de Turismo, emitiuse informe favorable onde se valora a creatividade e a innovación na celebración do evento, o nivel de dotación de infraestruturas e equipamentos para celebralo ou a recepción de visitantes, a afluencia, coordinación das entidades públicas e privadas involucradas na celebración. Pero tamén o adecuado coidado dos contornos (urbano, monumental ou paisaxístico) que a acollen.

A exaltación celébrase anualmente entre verán e outono, e as súas orixes remóntanse ao ano 1980 para unir patrimonio, tradición e gastronomía. Trátase dunha manifestación cultural e social de enaltecemento do produto da pataca de Coristanco, froito nesas terras da dedicación ao traballo de agricultores e produtores. Esta festividade ten a súa orixe na necesidade de dar a coñecer a calidade do produto gastronómico que se atopa na terra de Coristanco, un óptimo lugar para o seu cultivo pola conxunción da climatoloxía húmida e temperada. M. Outeiro