Este distintivo garante que os produtos contan cunha elaboración tradicional e unha presentación coidada // Dita firma súmase á trintena de empresas que ostentan o título e as arredor de 50 persoas artesás rexistradas TEXTO Claudina Estévez

A lalinense kalekói: selo de calidade Artesanía Alimentaria

Garantía
Claudina Estévez
José Crespo (3º esquerda), José Luis Cabarcos (6º esquerda) e Luis López (7º esquerda) durante a entrega das licenzas a Kalekói. Foto: Xunta

A empresa láctea Kalekói, de Lalín, acaba de unirse ao selo de calidade Artesanía Alimentaria. Así o confirmaban este martes o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, ao facerlle entrega aos seus responsables das licenzas de uso da marca e das cartas de artesáns. Desta forma, a firma lalinense súmase á trintena de empresas e ás arredor de 50 persoas artesás que están rexistradas neste distintivo de calidade promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.

O distintivo que agora ostenta Kalekói garantirá que a obtención das producións se rexe pola norma técnica pertinente, que recolle unha serie de requisitos relativos ás materias primas e aos procesos de elaboración autorizados, ao seu modo de presentación e a como deben ser a rastrexabilidade e o control.

A principal materia prima da que se abastece dita empresa é o leite co que diariamente elaboran iogur e quefir, ademais de envasar leite pasteurizado. No ano 2020 apostaron por vacas cunha xenética seleccionada que permite obter este produto carente de beta-caseína A1, e que dá lugar ao coñecido como leite A2, converténdose na primeira empresa galega que sacou ao mercado unha gama de iogures elaborados con este leite que permite “unha mellor asimilación dos nutrientes ao noso organismo”, asegura a Xunta. Nos produtos manteñen a esencia dunha elaboración natural, conservando a receita familiar e coidando especialmente a materia prima.

Cómpre lembrar que hai tan só dúas semanas entregábanse as mesmas licenzas de uso e as cartas de artesáns aos responsables da cervexa artesá de Adegas Menduiña, das conservas artesás de froitas, hortalizas e marmeladas elaboradas polas Camposeiras e dos xeados artesáns de Xearte Brigitte, no marco do Galicia Fórum Gastronómico 2022 que se celebrou na Coruña.

Para dar a coñecer o novo selo de Artesanía Alimentaria, a semana que vén hai programadas senllas xornadas técnicas en Lugo e Barbadás. A primeira terá lugar no edificio administrativo da Xunta ás 10.00 horas do martes 18 de outubro e a segunda á mesma hora do xoves 20 no Centro Empresarial Transfronteirizo. Nestas xornadas, abordaranse os obxectivos deste selo e as condicións xerais para a produción de alimentos propios, ademais da normativa reguladora correspondente, o control e certificación da actividade artesá e a flexibilización das normas de hixiene. Tamén se tratará o propio proceso de inscrición no distintivo de Artesanía Alimentaria e o inicio da actividade.

A maiores, haberá un apartado sobre prácticas innovadoras, así como exemplos de normas técnicas e de produtos propios. En Lugo tratarase (da man da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela) a elaboración de queixo artesán cun exemplo práctico ao final a cargo dunha queixería. En Barbadás, o Centro Tecnolóxico da Carne dará a coñecer as peculiaridades da norma técnica de derivados cárnicos, e o exemplo do remate será de elaboración dun aceite de oliva.