A Laracha incrementa a oferta de ocio infantil con dous novos parques

O Concello está a construílos no Igrexario de Erboedo e no campo da festa de Soandres // As novas instalacións abrirán nos vindeiros días tras o equipamento
Ocio
Avelino Arca

O Concello de A Laracha incrementa a súa oferta de ocio infantil ca construción de dous parques. En concreto, as novas instalacións estanse a crear no Igrexario de Erboedo e no campo da festa de parroquia de Soandres.

Os novos equipamentos, que se prevé estean listos para abrir ao público nos próximos días, son ambos de similares características. Contan con tres unidades de xogos (columpios, balancín e tobogán), cun pavimento de caucho que reforza a seguridade dos usuarios ao mitigar a intensidade de posibles impactos no chan por caídas e cun valado de madeira que forma o peche perimetral.

O alcalde, José Manuel López Varela, o concelleiro de Obras, Jesús Souto, e a responsable de Educación e Xuventude, Patricia Bello, achegáronse ata ambos parques infantís para coñecer o resultado das actuacións que están a piques de rematar.

INVESTIMENTO. Nestas novas áreas de ocio infantil, o Concello de A Laracha inviste preto de 30.000 euros procedentes integramente de fondos municipais na creación destes dous parques infantís nas parroquias de Erboedo e Soandres.

O propósito, según indican, é que toda a cidadanía, tanto residentes nas zonas urbanas como en núcleos rurais, poidan dispoñer de espazos de esparexemento modernos e seguros para os máis pequenos nos que desfrutar dos xogos ao aire libre, fomentar a convivencia e potenciar as actividades saudables.