A mancomunidade Serra do Barbanza retorna aos debates da comarca

En Outes acordouse comezar os trámites para a adhesión do municipio ao ente // Apoiaron a adquisición dunha volteadora
Medio Ambiente
María Cano
Manifestación do BNG en Noia en defensa da continuidade da planta de reciclaxe de Servia, en Lousame. Foto: BNG

O BNG leva a mancomunidade Serra do Barbanza aos debates plenarios da comarca. “Que o goberno faga os trámites necesarios para que o concello de Outes se incorpore á mancomunidade Serra do Barbanza para a xestión de residuos e abandone Sogama”. Este foi o acordo que levaron os nacionalistas á sesión plenaria celebrada a semana pasada en Outes.

Dito acordo foi matizado cunha emenda do Partido Popular de Outes na que se pedía que previamente se realizasen as consultas necesarias para coñecer as condicións de entrada do municipio na mancomunidade. A proposta saíu adiante coa abstención de Compromiso e o voto favorable do resto de grupos, dando así comezo ao proceso para a adhesión do Concello outense ao ente supra-municipal.

Pero non foi esta a única iniciativa relativa á mancomunidade que se debateu nos plenos da comarca. O BNG levou propostas ás sesións plenarias de Lousame, Noia e Muros que tamén saíron adiante. Nestes casos relativas á inclusión nos Orzamentos da Xunta da adquisición dunha máquina volteadora para a planta de reciclaxe de Servia, necesaria para unha óptima elaboración e estabilización do compost producido no complexo medioambiental de Lousame.

“A adquisición desta maquinaria, que non conseguiu pasar os trámites do Congreso dos Deputados e ser incluída nos Orzamentos do Estado debido aos votos en contra do goberno de PSOE e UP, terá unha nova oportunidade de saír adiante nos orzamentos galegos”, salientaron dende a formación frentista.

A iniciativa foi aprobada por unanimidade no Concello de Lousame, municipio onde reside a planta de reciclaxe, despois dunha emenda do grupo socialista, xa que manifestaron que votarían a favor “se se cambia a moción e se insta á Xunta a achegar esa maquinaria como propiedade da Mancomunidade Serra do Barbanza, non para a empresa concesionaria”. Un punto no que coincidiu a alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde, quen tamén puxo en cuestión que haxa que empregar cartos públicos na compra dunha volteadora que debería ter adquirido xa a empresa, “toda vez que o seu contrato di que ten que elaborar compost”.

En Noia e Muros tamén foron aprobadas polas dúas corporacións. No caso do Concello muradá, tamén se acordou entre os diferentes grupos engadir un acordo para “instar ao Ministerio de Transición Ecolóxica a elaborar un informe sobre a viabilidade do sistema de recollida de lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza e de Sogama”, sinalaron dende o BNG.

Accións que amosan o compromiso coa viabilidade do complexo e coas máis de 150 persoas que alí traballan.