A nova arquitectura chega ós centros de Bergantiños

A Xunta investirá nesta comarca 2,8 millóns en grandes obras en sete complexos educativos // Atópanse en distintas fases
Educación
María Cano
Trenor, 2º esquerda, e Charlín, á dereita, durante a visita ao CPI Cabo da Area. Foto: Xunta

O delegado territorial da Xunta na Coruña, GonzaloTrenor, acompañado polo tenente de alcalde de Laxe, Francisco Charlín, e polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Indalecio Cabana, visitou este mércores o CPI Cabo da Area.

Trenor puxo en valor o importante investimento realizado neste centro, no que se levaron a cabo obras de gran envergadura por un importe de máis de 420.000 euros.

Grazas a este investimento acometeuse a substitución de fiestras no edificio de Primaria, SATE, canlóns e baixantes, pintado da estrutura metálica e substitución de vidros rotos en lucernario.

Ademais, realizáronse outras actuacións menores, como a modificación dos portalóns e a renovación da plataforma da parada de autobuses, cun investimento a maiores que rondou os corenta mil euros.

Na visita, o representante do Goberno galego avanzou o desenvolvemento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, a folla de ruta para a modernización dos centros educativos cun novo modelo de escolas poscovid. A día de hoxe, a Xunta ten comprometidos con esta comarca 2,8 millóns de euros en grandes obras en sete centros educativos desta área, nos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Cee, Coristanco, A Laracha, Laxe e Ponteceso. Estas actuacións atópanse en distintas fases: rematadas, en execución, en licitación ou para próxima licitación ó longo deste ano.

Nestas obras de gran envergadura a maior parte son rehabilitacións integrais e enerxéticas e melloras sectoriais, a través das que se mellora a eficiencia dos centros educativos mediante o illamento térmico das fachadas, cambios de cubertas, cambio de fiestras, renovación de luminarias, etcétera.

No relativo ás obras de pequena e mediana envergadura realizáronse actuacións en 15 centros educativos de Camariñas, Carballo, Cee, Corcubión, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso e Vimianzo.

Estas obras consistiron principalmente en reformas e adaptacións en diferentes zonas dos centros (como aseos e comedores), ampliacións de aulas, melloras de accesibilidade e actuacións nos peches dos recintos, así como traballos de modernización e para mellorar o confort de alumnos e profesores.

Así mesmo, o Goberno galego vai confinanciar a construción dunha pista multideporte na escola unitaria da Pereiriña de Cee por un importe de máis de 63.000 €.

Na súa visita ao CPI Cabo da Area, Trenor lembrou que Galicia conta desde 2021 cun Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica co fin de adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas, cun investimento de 191 millóns de euros nesta lexislatura.

Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa postcovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe. Asemade, os centros contarán con espazos máis amplos e polivalentes, máis saudables e ambientalmente sostibles.