A pista de xeo trouxo centos de visitantes a Vimianzo

Nadal
Jose Manuel Ramos
Nenos, mozos e maiores desfrutaron este Nadal dunha pista de xeo natural en Vimianzo. Foto: C. V.

Vimianzo. O goberno local de Vimianzo, á espera de facer unha valoración técnica, asegura que o impacto da pista de xeo natural, que pecha este domingo, foi “tremendamente positivo”, xa que exerceu como elemento de atracción de visitantes chegados desde puntos tan diversos como Carral, Cambre e mesmo Santiago, ademais de veciños e veciñas de toda a contorna da Costa da Morte.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, asegura que “a idea é repetir o vindeiro ano, con condicións máis favorables que permitan desfrutar novamente dunha actividade bonita, familiar e sen dúbida novidosa”, subliña. “É de agradecer o comportamento de todas as persoas que acodiron para gozar da patinaxe, e tamén de todas as que fixeron posible que se desenvolvese coa máxima normalidade que a situación permite”.

Ademais, o executivo vimiancés quere agradecer o labor de todas as persoas que fixeron posible o Nadal 2021-2022. Agradecementos que estenden ao persoal voluntario na pista de patinaxe, responsables dos locais de comercio e hostalaría, AR Vidal, Policía Local, Protección Civil, a vocalista de Luar na Lubre Irma Macías, equipos técnicos, traballadores municipais, figurantes e a toda a veciñanza, así como ás persoas que se achegaron ata a localidade soneirá a desfrutar de todas as actividades programadas “cunha resposta maiúscula” e cun “comportamento excepcional por parte de todos”, conclúen. J. M. R.