A rapazada eleva ata a categoría de potencia mundial á regueifa amesá

Presentaron catro propostas entre as 42 do certame Enreguéifate e acadaron dous primeiros galardóns // Triunfo do dúo Rimas como Balas e Pitifláuticos
marcos manteigaAmes
Compoñentes de Rimas como Balas, gañadores da regueifa máis reivindicativa con ‘Exprésate Rimando’. Foto: CA

Se dos 42 vídeos presentados ao Certame Enreguéifate, catro deles chegaban dende Ames e destes dous arrasaron nas súas categorías, pouco máis hai que dicir sobre as boas maneiras que despuntan na capital maiá nestas batallas dialécticas. Así, e como a proposta máis reivindicativa, gañou Rimas Coma Balas co vídeo Exprésate Rimando e como regueifa diversa, o Pitifláuticos triunfaron ca regueifa titulada Nós Queremos Igualdade. Ámbalas dúas propostas son do IES do Milladoiro.

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino. E nesta edición, malia á COVID, achegáronse 36 traballos na categoría escolar e seis na xeral.

Así, en categoría xeral a máis diversa foi para Chaminho e Arrieiro Koruño vs. Rural; a máis reivindicativa: As Canosa, con Máxico é o galego; a máis brava: Regheifeiras da Pontragha, con Practicando para o vrau; a máis aguda: Patty e Iván - Trocando roles; a mellor falada: Xurxo Souto e Oscar o Arrieiro, Torgho de Bergantiños, e a mellor cantada foi para Os irmáns Tato ca Regueifando co protocolo.

E na sección escolar triunfaron na regueifa máis brava Patakas Bravas, con A guerra do bonito; na máis aguda: As Marías do Lamas por As Marías; a máis diversa: Pitifláuticos Nós queremos igualdade!!!; a máis reivindicativa foi para Rimas coma balas con Exprésate rimando; a mellor falada, a de 21 garabullos: A regueixeira e a mellor cantada foi para Dúas moi galegas por Sons da aldea.