A só un paso de construír
a rotonda na Barquiña

O ‘Diario Oficial de Galicia’ vén de publicar a aprobación das expropiacións necesarias // Investiranse 1,15 millóns
Infraestruturas viarias
María Cano
Construirase a glorieta para substituír a intersección en cruz no punto quilométrico 71+120. Foto: Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación das expropiacións necesarias para a construción dunha glorieta no cruce da Barquiña, na estrada AC-550, no concello de Noia.

O Goberno galego investirá 1,15 M€ nesta actuación de mellora da seguridade viaria na contorna desta vía autonómica, un orzamento que inclúe o pagamento dos dous predios necesarios para levar a cabo as actuacións.

Segundo indicaron dende a Xunta, a Consellería de Infraestruturas convocará o levantamento das actas previas das expropiacións e licitará as obras neste primeiro semestre para poder iniciar os traballos no segundo semestre do ano, cun prazo de execución de 10 meses.

A intervención comprende, dunha banda, a execución dunha glorieta para substituír a intersección en cruz no punto quilométrico 71+120, o cruce coa estrada provincial DP-5704 ao porto da Barquiña.

O trazado da glorieta foi definido tendo en conta o espazo dispoñible na contorna, condicionado pola presenza de numerosas vivendas. A nova rotonda terá un radio exterior de 13 metros, unha illa interior de 2 metros, unha calzada de carril único de 6 m e beiravías interior e exterior.

Doutra banda, as obras tamén inclúen a renovación das beirarrúas desde a nova glorieta ata a alameda noiesa, entre os puntos quilométricos 71+100 e 72+400 da AC-550.