Alfonso Rueda fixo entrega en Outes da primeira tarxeta dunha iniciativa pensada para reactivar o consumo interno en tempada baixa // Permitirán facer uso do crédito nos establecementos asociados á campaña ata finais de ano TEXTO María Cano

A Xunta convida a quedar en Galicia co seu bono turístico

Turismo
María Cano
Alfonso Rueda entregando a primeira tarxeta da iniciativa #QuedamosEnGalicia22 a unha veciña da localidade de Outes. Foto: Xunta de Galicia

A nova edición do bono turístico da Xunta arrincou este venres en Outes cun acto simbólico no que o vicepresidente primeiro en funcións, Alfonso Rueda, fixo entrega da primeira tarxeta da iniciativa #QuedamosEnGalicia22, pensada para reactivar o consumo interno en tempada baixa, a unha veciña da localidade que, como milleiros de galegos e galegas, se presentara á convocatoria.

No acto, que tivo lugar nas Cabaniñas do Bosque, un dos establecementos adheridos, o responsable de Turismo do Goberno autonómico invitou aos galegos e galegas “a quedar en Galicia” e a desfrutar da súa oferta da man desta campaña.

Alfonso Rueda, que asistiu acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, puxo o complexo turístico como exemplo da calidade da oferta que ofrece a Comunidade e á que poderán acceder os beneficiarios desta nova edición do bono, que xa nos vindeiros días comezarán a recibir as súas tarxetas prepagamento.

O vicepresidente primeiro en funcións amosouse convencido de que, se a edición anterior foi “unha historia de éxito de principio a fin”, esta superará aínda máis as expectativas. E non só porque nada máis saír a convocatoria se duplicara a demanda da anterior, con 20.000 solicitudes en 12 horas, senón tamén porque “Galicia está de moda” e porque, da man do Xacobeo, “non hai mellor alternativa para desfrutar dun tempo de lecer”, sinalou.

Dende a Xunta destacaron que “Galicia liderou o ano pasado a recuperación turística en España”, e agora en 2022, coa mobilidade internacional aberta e da man do Xacobeo, “as cifras confirman que pode ser un ano histórico para o sector”. Ademais de superarse xa as 50.000 compostelas, o que supón un récord de peregrinos desde que hai rexistros, os datos de ocupación turística indican que a Comunidade galega rexistrou nos tres primeiros meses do ano preto de 576.000 viaxeiros e case 1,1 millóns de pernoitas, o que supón triplicar os datos do mesmo período do ano pasado. “Nunca houbo tantos peregrinos camiñando a Galicia nin tantos galegos quedando en Galicia”, asegurou Rueda.

Os primeiros beneficiarios das tarxetas xa poderán facer uso delas nas vindeiras semanas e teñen de prazo para gastalas ata finais de ano, coa excepción dos meses de verán, xa que a mencionada campaña está pensada para reactivar o turismo interno en tempada baixa.

Nesta edición, a Xunta de Galicia asumirá o 40 por cento do custe dos servizos consumidos e os particulares o 60 % restante segundo o importe escollido. Ao igual que o ano pasado hai tres tipos de bonos: un de 250 euros (100 € abonados pola Xunta e 150 € polos beneficiarios); outro de 375 euros (150 euros achegados polo Goberno galego e 225 € polos particulares); e o terceiro de 500 euros (200 € polo Executivo autonómico e 300 polos usuarios). Cómpre lembrar que o ano pasado a tarxeta de maior contía foi a escollida na súa gran maioría polos solicitantes.

Resaltar que a anterior edición do bono turístico “foi unha medida pioneira que permitiu inxectar 7,6 millóns de euros ao sector, sobre todo nos meses de menor actividade e concentrándose o consumo no último trimestre do ano”, sinalaron dende a Administración galega.