O presidente da Deputación inaugurou onte A Estación, co que Vedra súmase á Rede provincial de centros coworking // O proxecto busca reter á xuventude e atraer novos talentos para loitar contra a perda de poboación no rural TEXTO S. E.

Abren un espazo de traballo para emprender na contorna do Ulla

Emprendemento
S. E.

Vedra súmase á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo (coworking) da Deputación da Coruña coa apertura do centro de emprendemento A Estación. O presidente Valentín González Formoso, inaugurou , xunto co alcalde do municipio, Carlos Martínez Carrillo, o lugar, localizado na antiga estación de tren de Santa Cruz de Ribadulla.

Formoso destacou no acto de presentación “o importante papel que desempeñan os lugares desta rede, impulsada polo noso Plan de Emprego Local, para xerar oportunidades para que a xente moza poida crear o seu proxecto vital na súa contorna, asentando o talento no noso territorio e fomentando a iniciativa empresarial e o autoemprego”.

A institución provincial achega 58.100 euros para contribuír ao financiamento das iniciativas deste singular espazo, que inclúen desde actividades de formación e titorización, ata de apoio e difusión de proxectos de emprendedores e emprendedoras. A contía dedicada pola Deputación sufraga o 79,5 por cento do custo total.

O presidente provincial incidiu en que “este espazo é froito dun esforzo histórico levado a cabo de forma conxunta por distintas administracións”, e destacou a “sensibilidade de ADIF, que permitiu a posibilidade de darlle unha nova vida a esta construción”. Incidiu na importancia dun centro coma este para o concello de Vedra. Un importante medio para contribuír a favorecer o desenvolvemento socioeconómico da contorna do Ulla, poñendo en valor o patrimonio natural, a recuperación ambiental e a xestión sostible do río no seu percorrido polos distintos termos municipais, así como valorizando, promocionando e divulgando os recursos do territorio.

LUGAR EFICIENTE. A Estación consta de dous espazos de traballo, dúas salas de reunións, unha aula de formación, unha zona coworking con ata dez postos fixos, un pequeno auditorio e un espazo multiusos. O lugar é eficiente enerxeticamente ao nutrirse de enerxía solar e consta dun antigo vagón galardoado nos Premios Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020, nos Red Clima e nos premios PEL da Deputación.

O presidente provincial incidiu na importancia dun centro coma este para o concello de Vedra. O proxecto busca reter á xuventude e atraer a novos talentos para loitar contra a progresiva perda de poboación do rural a través do fomento do emprego e a dinamización do tecido empresarial nos concellos da comarca do Ulla, a difusión de coñecementos, competencias e habilidades que sexan clave á hora de emprender nesta zona.

Valentín González Formoso subliñou “a aposta que facemos desde a Deputación, creando unha gran rede de espazos de traballo colaborativo sectoriais” e incidiu na importancia de que os centros “aproveiten o potencial e as particularidades propias de cada territorio”.

Ademáis de A Estación, integran á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo o Pazo de Arenaza en Oleiros, o Fórum de Carballo, Daquí Darredor en Brión, LabBarbanza de Boiro, Coworking A Capela, o centro comarcal A Fusquenlla de Moeche, o Green Coworking das Pontes, A Proa en Ames e o Coworking A Pobra.