O programa Veo, vexo Xacobeo leva actividades educativas atractivas a alumnos de 3 a 11 anos // Trata de promover entre os máis novos o coñecemento do fenómeno da peregrinación // Fomenta o traballo cooperativo e interdisciplinar TEXTO M . Boo

Achegan os valores do Camiño de Santiago a dezaseis colexios

M. Boo

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou na mañá deste martes ao alumnado de Infantil e Primaria do Ceip plurilingüe de Vedra, onde participou na actividade do programa Vexo, veo Xacobeo, creado no marco da programación do Xacobeo 21-22 co obxectivo de promover o coñecemento do fenómeno da peregrinación. Na visita interactuou nesta iniciativa posta en marcha para dar a coñecer os valores do Camiño de Santiago.

Trenor explicou que un dos principais obxectivos deste programa é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que fomenten o papel activo do alumnado ante os desafíos sociais, económicos e medioambientais da sociedade actual e do futuro. Ademais, búscase que este tipo de actividades poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.

O proxecto Vexo Veo Xacobeo dota ós centros educativos duns recursos didácticos e actividades educativas atractivas para os máis pequenos: unidade didáctica, videoxogo do Camiño de Santiago, contacontos, saídas guiadas a tramos do Camiño... Cada centro educativo participante presenta despois un producto final, un proxecto que ten como finalidade a divulgación do Camiño e do Xacobeo e os seus valores.

No caso provincia da Coruña o programa lévase a cabo nun total de dezaseis colexios. Concretamente, na área de Santiago as actividades desenvólvense nos composteláns Ceip de Vite e no de Roxos, en Villestro; en Oroso no Ceip de Sigüeiro e no do Camiño Inglés; en Melide no Ceip Martagona e no Mestre Pastor Barral e en Padrón no Ceip Pousana. Nestes centros participaron na actividade un total de 514 alumnos.

Na comarca da Coruña participaron na cidade os Ceip Curros Enríquez, Alborada, Juan Fernández Latorre e Víctor López Seoane e do Concello de Culleredo o Ceip Ría do Burgo cun total de 290 alumnos participantes. Na comarca de Bergantiños Costa da Morte colaboraron con este programa o Ceip Santa Eulalia de Dumbría con 34 alumnos e na comarca do Barbanza en Rianxo o Ceip Alfonso D. Rodríguez Castelao e o Ceip Salustiano Rey da Pobra do Caramiñal que xuntos implicaron a 145 alumnos de infantil e primaria.

Vexo, veo Xacobeo naceu en 2021 para divulgar, sensibilizar e promover os Camiños de Santiago e do Xacobeo, a través do conto, a lectura e a teatralización. O delegado da Xunta destacou que a iniciativa pretende a recuperación do patrimonio inmaterial e achegar o intercambio cultural a través da tradición oral aos cativos.

Está dirixido a rapaces de entre 3 e 11 anos, que son so verdadeiros protagonistas chegando a converterse en prescriptores do Ano Santo. De feito, a actividade complétase coa realización dunha serie de videos escolares nos que os propios alumnos falan do Camino e do Xacobeo.

O programa é unha iniciativa da Axencia de Turismo de Galicia, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través do Plan Proxecta +, dirixido a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial.