A Deputación achega 409.921 euros para apoiar a entidades sen ánimo de lucro // As axudas permitirán ós beneficiarios organizar congresos, exposicións, xornadas ou feiras turísticas e gastronómicas // Oscilan entre 1.770 e 7.800 € TEXTO M. Torres

Actividades de promoción económica para todo Área

Axudas
María Torres
Desfile de moda no castelo de Vimianzo con deseños das artesáns da Asociación de Amigos do Liño de Zas. Foto: Concello de Vimianzo

A Deputación da Coruña otorgou axudas a entidades sen ánimo de lucro da área de influencia de Compostela para realizar actividades de promoción económica. En total para toda a provincia coruñesa, o ente que preside Valentín González Formoso achega 409.921 euros .

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recollía o pasado 18 de outubro a concesión provisional desta liña de axudas dirixida a colexios profesionais; entidades asociativas e federativas representativas dalgún sector profesional, comercial ou empresarial; cámaras de comercio; e asociacións de veciños e mulleres rurais. Un total de 73 entidades son as beneficiarias destas subvencións, das cales 11 foron concedidas provisionalmente condicionadas.

As achegas oscilan entre un mínimo de 1.770 euros a un máximo de 7.800 euros e permitirán aos beneficiarios e beneficiarias organizar múltiples iniciativas como congresos, exposicións, talleres, cursos de formación, xornadas, estudios e seminarios relacionados coa promoción económica da provincia.

Do mesmo xeito, permitirán cofinanciar iniciativas como festas de interese turístico, feiras de artesanía ou de exaltación de produtos típicos da zona como a trixésimo novena edición da Feira de Artesanía e Alimentación do Couto, a IX Feira dos Oficios da Montaña, Feirauto en Baio, a trixésimo sexta edición Mostra Galega de Apicultura ou VIII Exporpymes, entre outras.

Asemade, tamén se empregarán as axudas para actividades de promoción, difusión e animación do comercio local, decoración de zonas comerciais, publicidade, revistas ou guías, entre outras iniciativas. Segundo indicou o deputado provincial da área de Promoción Económica, Blas García, “con esta importante achega económica queremos dar apoio ao comercio e á hostalaría local, moi afectados pola crise económica derivada da pandemia, así como impulsar o desenvolvemento económico da provincia e fomentar a creación de emprego”.

Así, na comarca de Costa da Morte a Deputación da Coruña otorgou axudas á Asociación de Hostelería de Malpica (7.200 euros), Amigos do Liño (2.553,60), a Casa da Muller de O Couto (4.056 €), o Centro Comercial Aberto de Carballo (7.200), a asociación de comerciantes da Milagrosa (2.965,44 €), o GDR (1.770,71), a Asociación do Automóbil de Baio (2.535) e ó colectivo dos percebeiros da Barca (7.500 euros). Esta última concesión é provisional e está condicionada á rectificación dalgunha información aportada.

Polo que respecta á zona do Barbanza, as achegas da administración provincial repartiranse entre a Asociación Boirense de Empresarios (7.400 euros), a entidade de comerciantes de Ribeira (7.400) e á patronal de Rianxo (7.400 euros). Mentres que na comarca de Muros-Noia recibiron subvencións o colectivo de empresarios de Carnota (3.591,60 euros) e a asociación Noia Histórica (7.400 euros).

En canto á contorna de Santiago, os fondos provinciais recaeron na entidade de comerciantes da Baña (5.128,08 euros), Bertamiráns (5.670), Melide (7.400 €) e Santa Comba (7.300), na Asociación Em-Rede (2.888,97 euros), Gazafellos (3.360), ENE (7.500 €), no colectivo de hostaleiros de Melide (7.500) e na asociación de empresarios de Milladoiro (7.500 euros). As tres últimas están condicionadas.

A maiores, esta liña de axudas tamén benificiará á asociación de axencias de viaxes, AGASOL, a entidade galega de apicultores e dos viveiristas do noroeste, CECAP ou ó colexio de enxeñeiros, entre outros.