Serán impartidas por dúas voluntarias turcas // Xa está aberta a inscrición en bandoticket.com // O pasado venres houbo obradoiro de adornos navideños

Actividades en inglés por Nadal para os cativos da vila lousamiá

Nadal 2022
Marta Torres
Participantes do programa Leisure Activities in English que se levou a cabo este verán. Foto: Concello de Lousame

O Concello de Lousame, a través do seu programa de voluntariado europeo European Solidarity Corps, organizou dúas actividades de Nadal gratuítas para os nenos e nenas do municipio: un obradoiro de adornos navideños e unha nova edición do programa de actividades de ocio en inglés. Dúas iniciativas impartidas polas voluntarias turcas Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas.

O obradoiro de adornos navideños celebrouse o pasado venres na casa da cultura. Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas compartiron con toda a rapazada a elaboración da decoración típica do Nadal na nosa terra e tamén na súa Turquía natal. E polo que respecta ao programa Leisure Activities in English, terá lugar os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 10.30 a 13.30 horas, na casa da cultura de Lousame. Dirixido a nenos e nenas maiores de 5 anos, inclúe actividades de pintura, karaoke, música, xogos, cinema, teatro, creatividade, conversas... todo en inglés.

Dende a administración municipal destacaron que se trata da segunda edición deste programa en inglés, despois do éxito acadado polas propias Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas durante este verán, no que participaron medio cento de rapazas e rapaces de Lousame.

A inscrición para esta actividade é de balde, e xa está aberta a través de bandoticket.com. Máis información na páxina web municipal.