Ames inicia un programa de sexualidade positiva e saudable na procura da igualdade e a tolerancia

[Con]sentido convoca a primeira edición do concurso de fotografía #SexualizArte 2021
Sexualidad
Pedro Brea
Imaxe doutra xornada de sexualidade que levou a cabo o Concello de Ames. Foto: C.A

A concellería de Mocidade de Ames vai iniciar o vindeiro luns día 26 de xullo unha ampla programación que abrangue un concurso de fotografía, obradoiros de sexualidade, xornadas de educación sexual e un videoforum. Responde así á demanda da mocidade amesá nos orzamentos participativos do ano 2020 e poñerá en marcha [Con]sentido, un programa de sexualidade positiva e saudable co afán de fomentar a igualdade entre os sexos, cultivar o respecto, a aceptación e a tolerancia cara todas as sexualidades, favorecer o autocoñecemento e o coñecemento das demais persoas, así como promover unha vivencia libre, segura e satisfactoria da sexualidade propia e allea.

O devandito programa conta con cinco obradoiros. Serán os días 9, 23 e 30 de outubro de mañá e tarde. Ao longo destas tres xornadas as mozas e os mozos participantes traballarán diversas accións coa pretensión de promocionar a igualdade e o libre exercicio dos dereitos sexuais e reprodutivos.

Con estas accións abordaranse temáticas relacionadas co sexting, a educación menstrual e a elaboración de compresas de tea, os métodos anticonceptivos e outros máis prácticos, como a elaboración dunha vulva-puff, ou a construción de xoguetería erótica de tipoloxía DIY.

[Con]sentido comeza o luns 26 de xullo coa apertura do prazo de inscrición da primeira edición do concurso de fotografía #SexualizArte 2021, dirixido a mozas/os de entre 18 e 30 anos e que busca as mellores imaxes relacionadas coas diferentes realidades e vivencias en torno á sexualidade, facendo fincapé na diversidade de corpos, identidades, orientacións, desexos, expresións, afectos e eróticas. O prazo para presentar as fotografías remata o 30 de agosto. Estes obradoiros contan cun orzamento de 40.000 €.