A situación sanitaria causada pola covid impediu que se desenvolvesen os traballos previstos para 2020 // Darán continuidade ao programa de prevención mediante a plantación de frondosas caducifolias, en vigor ata o ano 2024 TEXTO Javier Salutregui

Ames plantou máis de tres mil árbores co Plan de Incendios

Medio Ambiente
Javier Salutregui
Tractor traballando nun dos terreos que serán repoboados con especies caducifolias. Foto: CA

A finais de novembro de 2021 o Concello de Ames iniciou o proceso de adecuación de 4 hectáreas de terreos en Montemaior e Ventosa para transformalos en faixas secundarias de seguridade contra o lume, e xa no mes de decembro puxo en marcha a plantación de 900 árbores, maioritariamente castiñeiros, cerdeiras e carballos, acompañadas doutras frondosas como bidueiros, noceiras e freixos.

Ditas actuacións estaban previstas inicialmente para o ano 2020, pero a situación epidemiolóxica causada pola covid impediu que se desenvolvesen, e forman parte do plan de continuidade da prevención de incencios mediante a plantación de frondosas caducifolias nas faixas de xestión de biomasa. Este plan, que prevé actuacións entre 2021 e 2024, conta con actuacións previas dende 2016. Precisamente nese ano plantáronse 37 fincas, houbo 33 propietarios implicados, a superficie total foi de 19.374 metros cadrados e plantáronse un total de 815 árbores.

No inverno 2017-2018 foron 76 as fincas plantadas, cunha superficie total de 57.030 metros cadrados e 1.570 árbores: 1.206 castiñeiros, 11 freixos, 67 abeleiras, 82 cerdeiras, 113 pradairos, 36 bidueiros e 9 noceiras. Os ámbitos nos que se levaron a cabo os traballos foron Balindo, Fernande e Vilaverde (ámbito 27), que estaba previsto para 2016 e daba continuidade aos traballos realizados na parroquia de Piñeiro; A Folgueira e Mercuto (ámbito 25) polos incendios forestais reiterados
nese entorno; e Aldea Nova e Os Batáns (ámbito illado 4B) por ser
clasificado como lugar de alto pe-
rigo e que ocorresen varios incendios ao longo dos anos 2015 e 2016.

En 2018 afectaron os cambios producidos na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, ampliando considerablemente a superficie nas que realizar a corta de piñeiros, eucaliptos e acacias. Realizáronse actuacións en 34.442 metros cadrados repartidos entre 34 fincas con 238 castiñeiros, 58 carballos, 9 freixos, 23 abeleiras, 41 cerdeiras, 27 pradairos, 97 bidueiros, 12 ameneiros e 9 noceiras; en total 514 árbores. Os ámbitos foron Ventosa, Lombao e Bosque Animado (ámbito 09) e a acotación Monte de Outeiro (ámbito 04A) e Pena Amarela (ámbito 04B).

En canto ao inverno 2019-2020, plantáronse 42.042 metros cadrados de superficie, repartidos en 41 fincas, con 1.076 árbores: 527 castiñeiros, 118 cerdeiras, 154 carballos, 120 abeleiras, 77 noceiras, 40 bidueiros, 10 pradairos, 15 manzanceiras, 15 pereiras. Traballouse novamente en Ventosa, Lombao e Bosque Animado (ámbito 09) con moi bos resultados.

O previsto no plan de inverno 2020-2021, cuxos traballos comezaron finalmente en novembro de 2021 pola situación sanitaria, os ámbitos elixidos foron Montemaior, dando continuidade ás actuación da anualidade precedente; Condomiña, Tarroeira e Punxeiras (ámbito 10), que ten unha perigosidade do 18,10 % e 460 metros cadrados; e Mámoa e Seares Abaixo (ámbito 29), de 1.268 metros cadrados e 17,79 % de perigosidade. En total, son 61 hectáreas, aínda que dese terreo 10,69 hectáreas foron clasificadas de perigorisade moi elevada.

Finalmente, as actuacións correspondentes ao inverno 2021-2022 se levarán a cabo en Condomiña e Tarroeira (ámbito 10), situadas na parroquia de Ortoño. Afectarán a 350 fincas que suman un total de 10 hectáreas, repartidas entre cerca de 160 propietarios. Para adherirse ao plan amesá de prevención de incendios as fincas deben estar rozadas e sen piñeiros, eucaliptos e acacias. Unha vez incorporados no plan, os veciños poderán solicitar unha subvención que cubrirá o 80 % dos traballos de subsolado, plantación e fertilización.