É unha iniciativa da Asociación de Náuticos de Galicia que parte do porto gaditano o 28 de maio e ten previsto chegar a Compostela o 13 de xuño // Os participantes camiñarán ata a catedral facendo sete quilómetros desde O Milladoiro TEXTO M. Boo

Animan a surcar o Camiño por mar desde Barbate ata Portosín

Peregrinación
Manuel Boo
Vista do Náutico de Portosín, meta da Travesía Náutica Xacobea, coa silueta do Monte Louro ao fondo.

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana Carballo, animou este martes a todos os navegantes de Galicia, España e do mundo enteiro a facer o Camiño de Santiago por mar para coñecer os encantos da Comunidade galega desde unha perspectiva diferente, bordeando as súas costas. Fíxoo durante a presentación no Real Club Náutico de Portonovo da Travesía Náutica Xacobea 2022: a peregrinación a Galicia por mar, onde salientou que os participantes poderán gozar dunha ruta marítima “especial e singular” que emula a chegada dos restos do Apóstolo Santiago a terras galegas a bordo da lendaria barca de pedra.

A titular de Mar en funcións, que estivo acompañada no acto pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e pola comisaria do Xacobeo 2021-2022, Cecilia Pereira, puxo en valor a importancia da peregrinación por mar e do impulso de iniciativas como esta, que se vén desenvolvendo nos últimos exercicios e que este ano conta co apoio da Xunta de Galicia do mesmo xeito que en 2021 o tivo a travesía Navega o Camiño ou Sail the Way.

A Travesía Náutica Xacobea é unha peregrinación por mar a vela dun mínimo de 90 millas ata algunha das instalacións náuticas galegas e que continúa a pé polo itinerario oficial do Camiño Portugués durante sete quilómetros desde O Milladoiro (Ames) ata Santiago de Compostela. Nesta edición de 2022 Portos de Galicia propuxo que a peregrinación partise de Andalucía, remontando a costa portuguesa polo Atlántico para entrar en Galicia por Baiona e percorrer as Rías Baixas ata Portosín (Porto do Son) co obxectivo de promocionar un maior número de instalacións náutico-recreativas da nosa Comunidade.

Unha embarcación oficial, fletada pola Xunta de Galicia e a Junta de Andalucía de xeito conxunto, fará todo o traxecto con medios de comunicación, representantes sectoriais e convidados das dúas administracións a bordo. Neste barco irán tamén xornalistas especializados doutros países para difundir a importancia do Camiño por mar e ampliar a súa repercusión internacional.

A conselleira do Mar en funcións subliñou que este tipo de accións de promoción turística pretenden dar a coñecer o sector náutico galego, que conta con preto de 14.000 prazas de atracada en 30 portos deportivos vencellados coas rutas marítimas a Santiago de Compostela, como un valor estratéxico para atraer turismo a Galicia e conmemorar o fito xacobeo ao constituír un camiño máis de peregrinaxe.

A representante da Xunta tamén lembrou que iniciativas como a Travesía Náutica Xacobea contribúen a impulsar o sector da náutica, que afecta a preto de 400 empresas con 2.200 empregos directos, cun movemento económico que rolda os 235 millóns de euros e máis de 80 millóns de valor engadido. Só o ano pasado a Comunidade rexistrou 35.000 pernoctas en tránsito nos portos que supuxeron un impacto económico de 3,5 millóns de euros.

A Travesía Náutica Xacobea 2022 está impulsada pola Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga) e sairá do porto de Barbate (Cádiz) o vindeiro 28 de maio para chegar a Santiago de Compostela o 13 de xuño.

A maiores da participación activa nesta iniciativa, o Goberno autonómico tamén apoia, como todos os anos, a promoción doutras dúas peregrinacións por mar con destino Galicia que se celebran no marco do Camiño de Santiago: a ruta Sail the Way e a Ruta do Cabaleiro das Cunchas. A primeira delas está promovida pola asociación náutica Northmarinas coa colaboración de Marinas de Galicia e consiste na peregrinación a vela desde La Rochelle (Francia) ata a ría de Arousa e remonte polo río Ulla seguindo por mar o trazado en terra do Camiño Francés. Este ano sairá o día 24 de xuño de La Rochelle e chegará a Santiago o día 14 de xullo.

A segunda, impulsada pola Fundación Traslatio, rememora o mito da Traslatio do Apóstolo Santiago cun percorrido variable nas súas edicións desde o Mediterráneo ou a costa portuguesa ata Galicia. Este ano sairá de Póvoa de Varzim (Portugal) o 16 de xullo e chegará a Compostela o día 23 do mesmo mes.

comarcas@elcorreogallego.es