Aposta polo plurilingüísmo dende unha educación amesá en galego

Presentouse unha guía da Real Academia Galega con estratexias para planificalo nos colexios e institutos // Avoga por un modelo que sexa socialmente inclusivo
Real Academia Galega
M. Outeiro
Valentín García, sexto esquerda, con Víctor Freixanes, sétimo, concelleiros de Ames e os colaboradores da guía. Foto: CA

A Real Academia Galega presentou a guía Ideas para un plurilingüismo dende o galego no Concello de Ames, coa idea de e contribuír á reflexión sobre a situación sociolingüística. Nela ofrécense aclaracións conceptuais sobre o tema que aborda e propón estratexias de cara á planificación nos centros educativos dende a premisa do ecolingüismo como “unha aposta ética e unha opción viable”, salientaron.

A publicación avoga así por construír a partir do galego un plurilingüismo inclusivo, que non se limite a unha visión instrumental centrada exclusivamente na competencia en varios idiomas e que reforce tamén o respecto pola diversidade cultural.

A publicación dálle continuidade á colaboración entre a RAG e o Concello de Ames arredor do mapa sociolingüístico escolar municipal e sae do prelo co apoio do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta. Na presentación, no auditorio do Milladoiro, interviron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo; a coautora da guía e profesora de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, María López Sández; o tenente de alcalde e concelleiro de Educación de Ames, David Santomil; a edil de Política Lingüística, Escarlata Pampín; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Tras a elaboración dun Mapa sociolingüístico escolar de Ames, constatouse a necesidade de fornecer ao profesorado con formación e recursos sobre o plurilingüismo, eiva que esta guía, elaborada dende o Seminario de Sociolingüística da RAG coa colaboración de Bieito Silva e María López Sández, pretende contribuír a paliar comezando pola definición do propio concepto, explicou Monteagudo: “Tal e como esta presentado no Decreto 79/2010, o plurilingüismo abórdase dende unha visión moi instrumental. Pero cómpre ir máis alá da mera aprendizaxe das linguas, e do inglés en particular, e ter en conta o diálogo intercultural”.

RISCOS. Na presentación os autores lembraron os riscos dunha implantación acrítica de modelos educativos multilingües “sobre os procesos pedagóxicos, as prácticas dos falantes ou a situación social das linguas minoradas”; e sinalaron tamén outros elementos a ter en conta en contextos coma o de Ames polas novas tecnoloxías, se experimenta un crecente impacto da inmigración que debe abordarse cunha proposta respectuosa cos galegofalantes e, ao mesmo tempo, “acolledora para a nova veciñanza e útil para o futuro do alumnado”, segundo explicaron.

“Nun contexto de globalidade, comunicación e intercambio coma o actual, a escola galega precisa atopar un xeito de garantir ás novas xeracións as competencias necesarias no presente pero asegurando na mesma medida o futuro da lingua galega”, expón a guía, que conclúe que en Galicia un “plurilingüismo socialmente inclusivo, respectuoso e potenciador da diversidade, que garanta a competencia en varios idiomas e que se comprometa co futuro da lingua galega debe construírse a partir do galego”.

Os autores salientaron que o concepto do plurilingüismo implica sumar e non restar, e formulan a necesidade de estender o ecolingüismo, baseado na idea de que, como na natureza, a diversidade lingüística é un valor e unha calidade do progreso e da responsabilidade cívica, e subliñando a necesidade de implicar ao profesorado.