Apróbase o maior plan de reactivación económica e apoio comercial da década

A Xunta de Goberno deu luz verde ao Proxecto Progresa Ames // Busca reavivar e aumentar o consumo local
Plan de Recuperación
Pedro Brea
Imaxe da rúa do Ameneiral, unha das que máis comercios acumula dentro do municipio amesá de Bertamiráns. Foto: Redacción

A Corporación municipal aprobou onte o Plan Ames Progresa, un ambicioso mecanismo para reactivar a economía amesá. Así pois, este obtivo maioría na cámara e consiste en impulsar, reforzar, dinamizar e reactivar o sector do comercio, da cultura, da hostalaría, o patrimonio municipal e o emprego público. O orzamento deste ambicioso plan ascende a 5.756.681,26 euros, un forte investimento económico derivado do aforro dos últimos mandatos municipais. Máis de 4.000.000 vanse inxectar en investimentos públicos, 555.000 € destinaranse a reactivar a cultura, o comercio e a hostalaría, 255.000 para o patrimonio municipal e 221.618 € en reforzar o emprego público. Deste xeito, este programa financieiro é froito de máis dun ano de traballo.

Segundo o alcalde de Ames, Blas García, o plan foi presentado a toda a Corporación municipal pois quere que este plan de choque sexa un programa de todos os grupos e non só do Goberno. Afirmou que lle gustaría “trasladarlle á cidadanía que cando hai temas importantes e que benefician a todos os veciñas e veciñas de Ames somos capaces de poñernos de acordo” e engadiu que “é moi importante que o Plan Ames Progresa sexa un traballo de todos e que entre todos o levemos até un bo fin”.

oposición Os membros do resto de partidos políticos presentes quixeron louvar ao alcalde por haber levado ata o pleno dita proposta, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, recoñeceu que “é loable que o goberno traia a aprobación deste plan ao pleno cando xuridicamente non é necesario” e engadiu que “Ciudadanos sempre vai apoiar as medidas que beneficien á cidadanía”. A este xuntáronselle, Quique Costas, de Ames Novo, que manifestou que “esta acción do goberno é envexable e quero que a cidadanía saiba que cando de verdade hai problemas remamos todos na mesma dirección porque hai momentos en que a oposición está para axudar e non só para tirar das orellas”; e Oliva Agra, do Partido Popular de Ames, que sinalou que “hai momentos en que valemos máis polo que podemos facer xuntos que enfrontados”.“Este non sería o noso plan pois o noso plan tería outras cousas pero o Goberno escoitounos e comprometeuse a facer cambios”, engadiu.

Doutra banda, a maiores do Plan Progresa Ames tamén se trataron no pleno outras iniciativas como a aprobación de dous suplementos de crédito. O primeiro está destinado a facer fronte a gastos de sentenzas e facturas para os que o orzamento é insuficiente. Este crédito para gastos xerais ascende a 348.415,35 € e vaise costear co remanente de tesourería. O segundo suplemento destinarase a sufragar o Plan Ames Progresa, o novo paquete de medidas co que o Concello de Ames quere mitigar o impacto causado por esta pandemia. Esta modificación do orzamento ascende a 4.647.242,48 millóns e ao igual que o suplemento anterior vaise costear co mesmo fondo. Pese a todo isto, a reserva coas que se conta seguen a ser positivas e ascenden até cerca dos 2.400.000 euros.

outras medidas Respecto ao resto de temáticas tratadas, o pleno aprobou o nomeamento de Mónica Gónzalez como secretaria da comisión encargada de validar a memoria xustificativa da forma máis sostible e eficiente de xestión dos servizos do Ciclo Integral da Auga.

Xunto con esta iniciativa tamén se tratou a proposta do grupo popular de Ames en apoio ao Xacobeo 2021-2022. Esta engloba tres peticións: a realización por parte do Concello dunha programación extensa e descentralizada para este ano, a solicitude de apoio á celebración do mesmo e, por último, o rexeitamento de campañas que vaian en contra do Xacobeo.

Finalmente, tamén saíu adiante a aprobación provisional da ordenanza fiscal que regula os bens inmobles. Esta facilita a comprensión da mesma ao haber reestruturado os compoñentes da mesma.