Ames, Teo, Ribeira, Boiro e Carballo son as vilas máis beneficiadas por esta liña de axudas // As achegas permitirán aos concellos contratar durante un ano a persoas sen traballo para a prestación de servizos municipais básicos TEXTO Claudina Estévez

Área crea emprego grazas aos 1,8 millóns que recibe do PEL

Pel-Concellos
Claudina Estévez
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, esquerda, anunciando as axudas do PEL-Concellos xunto a José Ramón Rioboo. Foto: D.C.

A Deputación Provincial da Coruña inviste este ano 3,6 millóns de euros para crear emprego nos 93 municipios da provincia. Faino a través dunha nova convocatoria do programa PEL-Concellos, unha das liñas do seu consolidado Plan de Emprego Local (PEL), que este ano destinará máis de 12,8 millóns de euros á creación de traballo tanto no sector público como no privado.

Nas vilas da área compostelá o investimento en concreto é de 1.862.000 euros. Os concellos que conforman a comarca de Santiago van recibir en total 508.00 euros. Ames e Teo, con 52.000 €, son os máis beneficiados, seguidos de Padrón (49.000 euros), Negreira, Brión e Santa Comba (46.000 euros cada un). Na comarca de Ordes-Arzúa o investimento é de 309.000 €. A maior achega recíbea Ordes, con 49.000 euros, seguido de Oroso e Melide, que obterán 43.000.

Os municipios do Barbanza obteñen este ano do PEL-Concellos un total de 439.000 euros. Ribeira e Boiro son os maiores beneficiarios, ao recibir cada un 52.000 euros. E en Costa da Morte-Bergantiños a contía destinada pola Deputación coruñesa é de 606.000 euros. Carballo é a vila que máis subvención percibe (52.000) e logo Cee, con 49.000.

Esta liña de axudas permitirá ós concellos contratar durante un ano a persoas desempregadas para a prestación de servizos municipais básicos, como, por exemplo, limpeza viaria, mantemento da iluminación pública, recollida e tratamento de residuos, abastecemento de auga potable e redes de sumidoiros, melloras nos accesos aos núcleos de poboación, pavimentación das vías públicas, mantemento de parques e xardíns, protección da salubridade pública ou mantemento e vixilancia dos centros públicos de ensino.

O importe a recibir por cada municipio con menos de 50.000 habitantes varía en función da porcentaxe resultante de dividir o número de persoas desempregadas entre o número total de persoas sen traballo, oscilando as cifras entre os 19.000 e os 52.000 euros. Pola súa banda, os concellos da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela optarán a unha contía única de 75.000 euros para a contratación de persoal.

As administracións locais poderán destinar as subvencións a financiar os custos salariais e de Seguridade Social derivados da contratación do novo persoal, ademais das indemnizacións de fin de contrato e os cursos de formación en materia de riscos laborais que deban realizar as persoas contratadas segundo a lexislación laboral vixente.

As e os operarios terán unha xornada mínima semanal de 25 horas e realizarán labores relacionados co desenvolvemento de servizos municipais imprescindibles. Os concellos deberán ter en conta á hora de levar a cabo os contratos que estes deben adaptarse ó establecido pola reforma laboral e que pasarán a rexerse polo Real Decreto-Lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.

Á hora de seleccionar o persoal, según lembra a institución provincial, os concellos deberán aplicar criterios sociais e dar prioridade á inserción de persoas que pertenzan a colectivos con maiores dificultades para acceder ó mercado laboral.