Alfonso Rueda visitou a do Pino con motivo do primeiro día no que se aplica a gratuidade // Galicia é a única comunidade de España que adoptou esta medida TEXTO Claudina Estévez

Arranca o curso nas escolas infantís: este ano todas de balde

Natalidade
Claudina Estévez
Alfonso Rueda durante a visita á escola infantil do Pino. Foto: David Cabezón

Este luns arrancaba un novo curso escolar nos centros infantís e facíao cunha aposta pioneira que chega da man da Xunta: a gratuidade de todas as escolas de 0 a 3 anos da comunidade. Unha medida da que se beneficiarán 30.000 familias sen ter que realizar ningún trámite. “A conciliación hai que facilitala con medidas reais como esta. É unha medida pioneira en toda España”, sinalou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante unha visita á escola infantil do Pino con motivo do inicio de curso nesta etapa educativa na que agradeceu o traballo diario que realizan os miles de docentes que traballan nestes centros.

O titular do Goberno galego resaltou que a Xunta vai investir máis de 50 millóns de euros por curso para aplicar a gratuidade xeneralizada nas escolas infantís (xa sexan públicas, privadas ou de iniciativa social) da Comunidade galega.

O obxectivo é fomentar a conciliación, facilitar que calquera neno poida acceder a este servizo (con independencia da situación económica da súa familia) e contribuír a aliviar as economías domésticas ao implicar un aforro medio de entre 1.500 e 2.000 € anuais para as familias. “É unha medida que supón un investimento moi importante para que miles de familias aforren unha cantidade importante que dedicar a outras necesidades”, sinalou Alfonso Rueda durante a súa visita a esa escola infantil do Pino.

A Xunta duplicou desde 2009 as prazas de Educación Infantil, abriu 95 casas niño para que os nenos do rural teñan acceso á educación infantil gratuíta e habilitou apoios para as familias como o Bono Coidado ou a Tarxeta Benvida.

natalidade A parte da gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos, a Xunta de Galicia apoia a natalidade a través do Bono Coidado e a Tarxeta Benvida. O primeiro consiste nunha axuda económica para familias con nenos e nenas menores de doce anos que precisen dun recurso personalizado a domicilio para cubrir as necesidades puntuais derivadas da conciliación. A contía da axuda é variable en función da renda da unidade familiar e oscila entre os 7 e os 14 euros por cada hora.

Pola súa parte, a segunda é unha unha tarxeta moedeiro destinada a botar unha man nos gastos básicos do bebé como vacinas e outros artículos de primeira necesidade. Con carácter xeral, a contía total desta axuda é de 1.200 euros por cada fillo ou filla, e dela xa se levan beneficiado unhas 78.000 familias. Poden solicitalas as que residan en Galicia e teñan bebés nados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022.