Arrancan en Melide dúas xornadas de compras polo pequeno comercio

A feira de stocks celebrarase nesta edición en cada tenda, a diferenza dos anos anteriores
Comercio local
Claudina Estévez
Imaxe dun momento do MercaMelide no Camiño, celebrado o ano pasado. Foto: Asetem

O pequeno comercio foi sen lugar a dúbidas un dos sectores máis prexudicados durante a pandemia e é por iso que toda campaña con ánimo de incentivalo é moi necesaria. En Melide teñen moi claro que unha das mellores formas de facelo é a través da súa xa famosa feira de stocks: Mercamelide. Con todo, este ano a novidade será que se vai organizar nas propias tendas.

A Asociación de Empresarias e Empresarios da Terra de Melide, en colaboración co Concello, celebrará este venres 12 e o sábado 13 de agosto o Mercamelide na rúa en máis dunha vintena de comercios locais da vila con grandes descontos e cunha ampla variedade de artigos.

Neste Mercamelide na rúa participarán 22 comercios de proximidade de diversos sectores: Noguerol Cociña e Baño, Toysmaniatic Melide, Pequeniños Zapatería Infantil, Mis Mejores Labores, Flor de Toxo, Perfumería Lyss, Stardemoda, Sueños Moda Infantil, Colorín Colorado, Romero Zapaterías, Tu Boutik, Modas Alfonso, Calzados Broz, Electrosan, Mercería Marvi, Shako Moda, Creacións MJ, M&M Moda, Diva Pro, Sisuka, Vilela e Magnin.

Durante os dous días que dura a campaña de oportunidades, os comercios participantes terán nos seus locais descontos e rebaixas especiais en artigos e produtos en stock. O horario das tendas no Mercamelide na rúa será o habitual de cada unha, de mañá e tarde. Ademais, cada tenda adherida a esta iniciativa contará cunha decoración especial, unha alfombra de cor violeta na entrada e folletos informativos cun mapa onde estarán marcados todos os negocios adheridos á iniciativa para que a veciñanza e os visitantes poidan localizar con facilidade todos os comercios participantes.

Dende o equipo directivo de ASETEM-CCA fan fincapé nos tres obxectivos principais que ten a feira de descontos, e que son impulsar a venda daqueles produtos en stock que os establecementos de proximidade non conseguiron vender en tempada; promover as compras nos establecementos locais e favorecer que os turistas e os visitantes se acheguen ao municipio durante estes dous días para aproveitar as ofertas.

comarcas@elcorreogallego.es